
O pasado mes de marzo acadou de novo a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. Ata o momento, é o único centro galego en recibir este prestixioso selo. En abril, o IGFAE renovou tamén a súa presenza na Rede Galega de Centros de Investigación de Excelencia, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Este dobre recoñecemento, que achegará un financiamento de preto de seis millóns de euros, suporá para o IGFAE a oportunidade de consolidar o seu plan estratéxico para os vindeiros anos.
Ademais, o Instituto desenvolverá esta nova e prometedora etapa cunhas instalacións renovadas. O persoal do IGFAE xa traballa actualmente en parte das dependencias da nova sede, cuxas obras estarán acabadas a finais deste 2024. Unha vez completados os traballos, o centro aumentará nun 70% a súa superficie actual, con novos laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación.
Programa do 25º aniversario
Nas vindeiras semanas, e ata finais de 2024, o IGFAE desenvolverá un amplo programa de actividades abertas á sociedade, co obxectivo de dar a coñecer o labor científico desenvolvido no centro. Estas accións poñerán especial acento no vínculo entre a ciencia e as artes, na liña do camiño aberto desde hai anos nos IGFAE Labs.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.