O proxecto ten unha duración de tres anos, ata finais de 2026, e está financiado cun millón de euros polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Feder da Unión Europea. Nel participan seis socios de España, tres de Portugal e dous de Francia. Trátase das universidades de Vigo, Zaragoza, Lleida e Minho (Portugal); a Fundación Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) da Coruña; o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) e o Institut National Polytechnique de Toulouse e o INRAE-Toulouse Biotechnology Institute (de Francia ambos). Igualmente están as empresas Ingredalia e BLC3 Evolution (Portugal) e a oenegué española Revalorem. Tamén apoian o proxecto diversas empresas dos países participantes dos sectores da madeira ou similar (como Ence) e do alimentario (como Argal).
Newpower está coordinado desde o Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo polos investigadores e profesores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Gil Garrote e Pedro Miguel Ferreira Santos, motivo polo cal o campus acolleu este luns a xornada de lanzamento do proxecto. A iniciativa, explican os seus responsables na UVigo, dá continuidade e enmárcase no traballo que o seu grupo de investigación Biorrefinaría e Valorización de Biomasa (Bio2Val) desenvolve dende hai máis de 20 anos arredor do emprego de biomasa vexetal para obter diversos compostos de valor engadido (biocarburantes, ingredientes para a industria alimentaria, etc), contando cunha dilatada traxectoria de proxectos neste eido. Neste senso, na benvida á xornada celebrada este luns, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor a captación de fondos acadada cada ano por grupos do campus de Ourense para o desenvolvemento de proxectos de investigación tanto estatais como europeos.
Reutilizar en vez de eliminar
O carácter innovador de Newpower baséase, tal e como apuntan os seus responsables, no aproveitamento dos residuos agrícolas e forestais dunha maneira integral, reutilizándoos en lugar de eliminalos. Ao longo dos tres anos de traballo, os socios da iniciativa crearán unha rede de colaboración entre organismos públicos e privados do espazo Sudoe, buscando a xestión sostible de residuos agrícolas e forestais, desenvolvendo novos procesos de conversión, obtendo enerxías renovables e novos produtos de alto valor engadido. Estas liñas de traballo, indican, implicarán beneficios socioeconómicos e a creación de postos de traballo cualificados.
Concretamente, con este proxecto preténdese obter atractivos produtos biofuncionais para ser utilizados en industrias alimentarias, farmacéuticas, biotecnolóxicas e na agricultura ecolóxica. Para alcanzar este obxectivo, indican os investigadores da UVigo, será necesario establecer unha forte cooperación transnacional, onde cada entidade achegará o seu coñecemento nas diferentes etapas. Deste xeito, en Newpower algúns dos socios centraranse en procesos innovadores e ecolóxicos de extracción de produtos de valor engadido baseados nunha biorrefinería multiproduto nun contexto de economía circular; outros na caracterización e encapsulación de compostos activos de interese; e outros na formulación de alimentos funcionais, nutracéuticos, embalaxes intelixentes, produtos fitosanitarios naturais, produción de biocombustibles, bioplásticos e químicos de plataforma. Concretamente, o papel investigador da UVigo dentro do proxecto enfócase en estudar o fraccionamento da biomasa (empregando tecnoloxías verdes e novidosas), a caracterización das fraccións obtidas (dende un punto de vista químico, funcional e biolóxico) e a produción de biocarburantes, bioplásticos e outros compostos que poidan servir en diversas industrias para substituír os derivados do petróleo.
Completando o traballo de investigación, indican desde o proxecto, no proxecto realizarase un estudo técnico-económico e ambiental de todos os procesos desenvolvidos para estudar a súa viabilidade industrial. Por último, engaden, a organización da sociedade civil involucrada terá un papel crave na sensibilización e a difusión dos resultados, promovendo a sostibilidade, o consumo responsable, hábitos e dietas saudables e a redución do desperdicio, co fin de lograr o benestar da sociedade no seu conxunto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.