
Tal e como explicou o reitor da UDC, Ricardo Cao, hoxe estase traballando en moitos campos de aplicación máis alá do propio concepto lúdico dos videoxogos, o que sen dúbida abre novas oportunidades de creación, de innovación, e tamén de estudo, de investigación e de transferencia tecnolóxica.
Así temos os videoxogos aplicados, que ofrecen máis que entretemento e que se adaptan a outro sector, como por exemplo, educación ou sanidade. E tamén temos os que pretenden facernos reflexionar sobre algo, os persuasivos.
Así, lembrou o exemplo, da participación da UDC no Proxecto Europeo Erasmus+ Incorporating Interdiscipinarity in Secondary School Education Using Conflict Video Games (InterGames), iniciativa que pretende mellorar os plans de estudo da educación secundaria en Europa e potenciar as capacidades de profesorado e alumnado con enfoques interdisciplinares a través dos videoxogos de conflito. Un programa no que se busca incentivar o pensamento crítico, a resolución de problemas e a intelixencia emocional entre o estudantado de secundaria de toda Europa.
É por tanto un sector en crecemento e de futuro. Motivo polo que a UDC ten impulsado nos últimos anos formación especializada como é o Máster, aquí no Campus Industrial de Ferrol, ou grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, no Campus de Elviña.
Xa pola tarde, foi a quenda das presentacións do alumnado do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos. Así o equipo Nameless presentou o seu ¡ What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e quebracabezas ambientado nos infernos de Dante. E o equipo Piña Colada que presentará Platyfrog, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde integrantes de dúas civilizacións rivais deberán colaborar para sobrevivir.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.