O 12th International Workshop on Long-Term Changes and Trends in the Atmosphere está organizado polo Grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo co patrocinio da Unión Internacional de Xeodesia e Xeofísica, a Asociación Internacional de Meteoroloxía e Ciencias Atmosféricas, o Comité Científico de Física Solar-Terrestre do Consello Científico Internacional e o Comité Internacional de Ciencias Espaciais. Juan Antonio Añel, físico da Universidade de Vigo coordinador do evento, explica que Trends é o foro de referencia para as persoas e institucións que estudamos a alta atmosfera, polo que amosou a súa satisfacción por acoller a súa celebración no campus de Ourense, sendo a primeira vez que se celebra en España. A cita, lembra, pon en común cada dous anos ás e aos especialistas que traballan en temas moi diversos pero relacionados coas capas altas da atmosfera.
Diversidade de propostas
Ao longo das sesións previstas, a comunidade científica participante tanto de xeito presencial como on-line abordará, nun contexto de cambio climático, as variacións e tendencias a longo prazo na atmosfera media e alta. Concretamente, os eixos temáticos do evento que se celebra en Ourense son, sempre nun contexto de consideración a longo prazo, a abordaxe das tendencias de variacións na atmosfera media; os cambios e tendencias na ionosfera e a termosfera; os mecanismos dinámicos, físicos, químicos, solares e radiactivos de variacións e tendencias e os cambios na atmosfera media e alta e os seus vínculos coa navegación por satélite e o lixo espacial.
A programación arrancou este luns cunha conferencia de Jan Latovička, do Instituto de Física Atmosférica da Academia de Ciencias de República Checa, sobre o escenario de tendencias do sistema estratosfera-mesosfera-termosfera-ionosfera á vista dos novos datos dispoñibles nas dúas últimas décadas. Con ela abriuse un intenso programa no que se tratarán temas moi diversos, como os avances nos vínculos entre o cambio climático e a evolución de temperatura mesosférica; a resposta do hidróxeno termosférico ao aumento dos gases de efecto invernadoiro e aos cambios na actividade solar; a evolución da ionosfera e a termosfera durante o Holoceno ou o impacto dos cambios nas emisións antropoxénicas na aparición de burbullas de plasma ecuatoriais.
Liña de investigación prioritaria
A celebración de Trends 2024 en Ourense culmina dous anos de traballo que arrancaron coa presentación da candidatura de EphysLab para acoller esta cita e a súa elección por parte do comité científico internacional do evento. Desde hai case dúas décadas, EphysLab ten como unha das súas liñas de investigación prioritarias a atmosfera, desenvolvendo numerosos proxectos de ámbito estatal e/ou europeo con entidades presentes tamén neste taller. Entre eles, desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo propio Juan Antonio Añel leva a cabo un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.