
De seguido, a compañía de danza da USC achegará ao público a súa proposta creativa interxeneracional Migracións, coreografada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera.
A formación da USC repetirá actuación no mesmo escenario o venres 26, una vez que remate a intervención da compañía de danza do Campus de Ourense da UVigo, que presentará, tamén a partir das 20.30 horas, na Caixa Negra do MIHL, a coreografía Bolero, unha coreografía colectiva con dirección artística de Nuria Sotelo.
Danza da USC coa coreografía 'Migracións'
Migracións', a nova peza da Compañía de Danza da USC coreografada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera, pasou xa polo festival en Compostela, onde tivo unha enorme acollida por parte do público.
A peza reúne por vez primeira as tres compañías de danza da USC -campus de Compostela e Lugo e Sen Vergoña- nunha soa produción que trata das diferentes migracións que se poden dar nun ser humano, dende as células do organismo á supervivencia, cambio, adaptación, aprendizaxe e necesidade que xorden da nosa vida. E todo, nun ir e vir de emocións fiadas por bailarinas de diferentes xeracións que espertan no público unha mistura de tenrura e coraxe na aprendizaxe de que nin os corpos nin a idade son barreiras para un proxecto conxunto.
Na nova produción da USC, a posta en escena acompáñase dunha música e unha iluminación moi coidadas que axudan á súa vez o vestiario, que en si mesmo é pura expresión, realizado polas propias bailarinas a partir das telas das antigas producións do Espazo de Danza, unha maneira real de reciclaxe, creatividade e sustentabilidade.
Migracións incorpora á danza a voz da bailarina Iria Estévez e a poesía da tamén bailarina Sabela R. Campo. Conforman o resto do elenco Manuela Cividanes, Alexandra Clista, Uxía Felpeto, Aroa García, Ziggi Iglesias, Xonxa López, Arrate Núñez, Sara Sanz, Alicia Collazo, Lucía Fernández, Inés Fernández, Andrea Gil, Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Loli Besteiro, Minda Méndez, Rosa Menéndez, Sabela R. Campo e Bea Ovalle.
Espazo de Danza da USC
O Espazo de Danza da USC foi no seu día unha iniciativa pioneira na universidade española, concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións así como a presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.