
Con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, as representacións arrancarán este mércores coa actuación da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra e continuarán o xoves 18 coa compañía Teatro El Mayal da Universidad de León. Será en ambos casos ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño, hora e escenario no que se levarán a cabo as seis actuacións previstas desde esta semana ata o vindeiro 15 de maio.
Da Estupidez artificial ao berro dunha terra esquilmada
Para estrear esta XXVI edición da mostra elixiuse a obra Estupidez Artificial, dirixida por Omar Ferrín e Salvador del Río, na que se contan tres historias que teñen como nexo común a Intelixencia Artificial, unha ferramenta chamada a revolucionar a maneira que os seres humanos teñen ou terán que relacionarse. A busca da compañía para escapar da soidade, a procura de inspiración dun artista frustrado ou a indagación arredor da fórmula que permita dominar o mundo constitúen as máximas dos protagonistas da montaxe. Cun elenco de seis actores, a música correrá a cargo de Xaime Reboiras e o vestiario de Sonia Rúa.
O xoves cambiarase o acento galego polo castelán coa representación da obra Sangre carbón, da Universidad de León. Dirixida por Javier R. De la Varga, a peza xurde como o berro dunha terra esquilmada polos homes. Serán 10 actores e actrices sobre o escenario narrando a historia dunha transgresión: a que comete Mara, a súa protagonista, para salvar a vida da súa irmá Marusina, unha viaxe ao interior da terra e tamén ao fondo de si mesma, unicamente por amor.
A vindeira semana chegará o teatro máis internacional e os anfitrións
A vindeira semana volverase contar con dobre representación. O martes será o día máis internacional coa participación da compañía colombiana Sin mente teatro, que representará Tomás, cuando el silencio es complicidad, dirixida por Germán Frasio Montegimeno e interpretada por Diana Rocha Torres, Edna Rocío León e Diego Cañón. A través da linguaxe corporal, actoral, visual, musical e o manexo de monicreques, esta obra bríndalle á persoa espectadora unha posta en escena cargada de imaxes e sensacións que transitan entre alegrías e penas.
Tamén a vindeira semana, neste caso o mércores, será a quenda dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que representará a obra Soño dunha noite de verán, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa e coa participación dun elenco composto por máis dunha ducia de actores que levan meses preparándose para esta actuación.
Ata o 15 de maio
No mes de maio haberá dúas representacións, o mércores 8 e o 15. O mércores 8 actuará Trifásico Teatro, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESAD Galicia, que, nesta ocasión, representará a obra Hámster, baixo a dirección artística de Natalia Feijoo e interpretada por Alba Lago e Álvaro Lourido. Contarán unha historia na que ela é a femia, el o macho, e ambos habitan un espazo que é seu e, á vez, que non escolleron, comen o que teñen ao seu alcance, dan voltas procurando a súa propia identidade, actúan para uns espectadores que non decidiron ter e que nunca deixan de mirar
O cartel da XXVI edición da Miteu pecharase o 15 de maio coa representación de Desequilibrios, interpretada polo grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitario de Ourense. Baixo a batuta de Fernando Dacosta as espectadoras e espectadores transportaranse a un manicomio, o lugar onde van parar as persoas que son diferentes, que non encaixan nunha sociedade que busca o (seu) equilibrio para poder ter todo controlado de cara á produtividade. O tolo, o desequilibrado, é recluído e tratado co fin de recuperarse para esa sociedade: non debe saír dos canons establecidos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.