
Badapeco xorde no marco dos proxectos de investigación financiados pola Cátedra e ofrece información sociolóxica sobre máis de nove mil persoas que peregrinaron a Compostela no século XIX, extraída polo doutor Arturo Iglesias Ortega a partir dos rexistros máis antigos conservados no Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela: nome e apelidos, data da peregrinación, procedencia, sexo, estado civil, ocupación, parentesco con outras persoas que peregrinaran, notas sobre a peregrinación e biografía da persoa se é o caso
A base de datos está dispoñible en aberto na web da Cátedra do Camiño e preséntase como unha plataforma colaborativa, cun formato wiki grazas ao cal calquera persoa pode modificar ou agregar novos datos, polo que marca un fito na investigación sobre o Camiño de Santiago ao converterse na máis importante base de datos de camiñantes a Santiago no ámbito internacional.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.