
Bolaño salienta que só nos últimos cincos anos, coa pandemia da covid19 polo medio, o CACTI xestionou preto de 15.000 servizos a máis medio cento de organismos públicos de investigación, tanto de España como de Portugal, ademais de resolver infinidade de peticións dos grupos de investigación da propia Universidade de Vigo e dunha longa listaxe de empresas e centros tecnolóxicos.
A idea de pór en marcha o CACTI naceu case de maneira paralela á propia Universidade de Vigo, con Luis Espada como reitor, e xa no 1991 iniciáronse os trámites para a construción do primeiro edificio, pero non foi ata abril de 1994, sendo reitor José Antonio Vázquez, que finalizaron as obras e se contrataron os primeiros técnicos. Agora, 30 anos despois, o centro está a deseñar toda unha programación de actos para celebrar esta data. A primeira destas actividades será unha Xornada de Portas Abertas o vindeiro 18 de abril, á que convidan a asistir a toda a comunidade universitaria, aos organismos públicos, ás empresas e ao público en xeral para que poidan así coñecer de preto as instalación, as técnicas, instrumentacións, posibilidades analíticas e os traballos e servizos que ofrece o centro.
De cara ao futuro, o centro ten a mirada posta en fortalecer as súas estruturas, potencialo e manter -se cabe- con maior vigor a súa actividade. "Nós vindeiros anos a investigación será a clave do desenvolvemento e crecemento das rexións e países e, desde aquí, trataremos de achegar o noso gran de area eb retos como o estudo dos efectos do quecemento global, as estratexias fronte as pandemias ou o cambio das fontes de enerxía debido á crise enerxética, entre moitos outros, explica a directora.
30 anos nos que se multiplicaron servizos, persoal e clientes
Creado coa vocación de proporcionar apoio científico e tecnolóxico tanto aos membros da comunidade universitaria como a calquera outro organismo público ou privado de investigación, no ámbito nacional e internacional, o CACTI arrancou na primavera de 1994 con dous únicos servizos (Análise instrumental e Espectroscopía Molecular e Técnicas Radioquímicas) e un cadro de persoal técnico composto por seis persoas.
Hoxe son 28 técnicas e técnicos, divididos entre a sede de Vigo, a de maior tamaño, e a de Ourense, no edificio administrativo do Campus Auga. Ofrécense en total sete servizos: Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica, Nanotecnoloxía e Análise de Superficies, Microscopía Electrónica, Desenvolvemento Sostible e Seguridade Alimentaria (nos campus de Vigo e Ourense), Detección Remota, Taller de Mecanizado e Servizo de asistencia técnica e calibración Satycel.
O volume de servizos e traballos prestados e o volume de usuarios son os que dan a verdadeira dimensión á actividade do CACTI, recalca a directora, quen explica que o 30% de todas as universidades públicas presenciais de España (que son 47) solicitáronlle servizos a este centro, ao igual que o fixeron tamén o 53% das comunidades autónomas españolas -a través de diferentes entes, institucións, ou empresas-. As peticións chegan tamén desde o país veciño, Portugal, e, de feito, o 70% das universidades públicas portuguesas (que son 14) traballan regularmente con nós, recalca Bolaño.
Entre os clientes habituais do CACTI están, ademais das tres universidades galegas, a Universidad Complutense de Madrid, a Universitat de València, a Universidade do Porto e a Universidade de Lisboa. Tamén centros tecnolóxicos como o CTAG, Aimen ou Anfaco-Cecopesca e empresas como Seat, Naturgy, Borgwarner, Mapfre ou o Grupo Zelnova (Zeltia).
En 2016 estrean novas instalacións e triplican laboratorios
O edificio construído inicialmente para albergar o CACTI é o que agora se coñece como Filomena Dato, ao carón dos edificios Exeria e Ernestina Otero, tres espazos que dan forma ao corazón administrativo da Universidade de Vigo. Aí foi onde, no 1995, se empezaron a prestar servizos, xa que se ben a finalización da obra construtiva e a dotación de persoal técnico tivo lugar no 1994, non foi ata o ano seguinte que arrancou o funcionamento ordinario do centro, algo que fixo coa profesora Betty Leon Fong, hoxe xa xubilada, como primeira directora.
Co tempo esas instalacións foron quedando pequenas e no 2016 todos os servizos do CACTI trasladáronse a unhas novas instalacións, no edificio Olimpia Valencia, ao carón de Ciencias Experimentais, onde se triplicou o espazo e a superficie de laboratorios.
Desde 2023 formalizáronse as visitas guiadas ao centro
Desde a posta en funcionamento deste novo edificio, o persoal do CACTI puxo énfase en abrir de xeito periódico as súas portas ao público. Pouco a pouco foron aumentando a cantidade e frecuencia de visitas, xa sexan institucionais ou de centros de ensino e, desde 2023, regularizaron o proceso para solicitalas, organizando visitas guiadas os últimos venres de cada mes. Foi algo que xurdiu de xeito natural pola necesidade de ordenar as moitas solicitudes de visitas que recibe o centro ao longo do ano, especialmente de institutos, centros de Formación Profesional e mestrados universitarios, explica a directora, quen se manifesta especialmente comprometida en darlle cada vez máis visibilidade a este centro, algo para o que conta co apoio da Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.
Aberta a inscrición para as Xornadas de Portas Abertas do 18 de abril
Nesta liña, a Xornada de Portas Abertas prevista para o 18 de abril, coa que se abrirá a celebración do 30 aniversario, terá dúas sesións: unha de mañá (de 10.30 a 13.30 horas) e unha de tarde (de 16.00 a 19.00 horas). A xornada será presentada pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e, a continuación, os diferentes servizos farán unha breve presentación das aplicacións, ensaios e traballos que é posible realizar. Seguidamentente, as persoas visitantes poderán coñecer de preto as instalacións dos diferentes servizos, e o persoal técnico dará explicacións máis detalladas das aplicacións e técnicas instrumentais e posibilidades analíticas.
Para poder asistir é necesario reservar praza a través dun formulario. O número máximo de prazas é de 40 por sesión, que se irán aceptando por orde de chegada.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.