
O proxecto, que arrancou o pasado mes de decembro e durará catro anos, conta cun orzamento de 6,2 millóns de euros e está coordinado polo centro tecnolóxico AIMEN. O obxectivo é desenvolver un concepto novidoso de tecnoloxía LiDAR baseado en PIC altamente escalable, desenvolver xeradores de imaxes espectrais instantáneas para sistemas sensoriais rendibles e de alta resolución, establecer técnicas de software innovadoras e servizos para o despregue dunha plataforma de detección baseada en aplicacións fiables e precisas, e apoiar o liderado tecnolóxico do ecosistema fotónico da UE impulsando o crecemento en industrias estratéxicas.
Solucións baseadas na tecnoloxía LiDAR
Francisco Díaz Otero, investigador de atlanTTic e líder do proxecto na UVigo, destaca que Retina desenvolverá os seguintes xeradores de imaxes, un sistema LiDAR fotónico integrado nun chip para capturar imaxes en 3D e sensores de imaxes baseados en Quantum-Dots para aumentar o rango espectral e a sensibilidade á luz.
No marco deste proxecto crearanse dous tipos de sensores distintos desta tecnoloxía que demostrarán as vantaxes da fotónica fronte aos sistemas tradicionais, nos que os circuítos electrónicos onde se representa a información se procesan mediante sinais eléctricas a diferenza dos sistemas fotónicos, onde se emprega a luz e son capaces de transmitir e procesar a información dun xeito máis rápido.
LiDAR é unha tecnoloxía que utiliza luz para detectar/mapear as dimensións de obxectos en 3D. Ao aplicar a fotónica aos sistemas LiDAR, permítenos reducir o tamaño do sistema LiDAR para que caiba nun só chip. Ademais, podemos lograr moitos outros beneficios, como maior resolución espacial, menor consumo de enerxía, detección de obxectos en movemento ademais de obxectos estacionarios e supresión do ruído de fondo (luz), explica Francisco Díaz.
Rol estratéxico do QOPHI Lab de atlanTTic
O traballo que levará a cabo do equipo do laboratorio QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration) de atlanTTic, do que forman parte Francisco Díaz, director do laboratorio, Francisco Soares, David Álvarez e Miguel Carbonell Valin, permitirá establecer sinerxías coa coordinación do proxecto e co resto de socios participantes a nivel internacional.
Nesta liña, desde o laboratorio sinalan que en Retina demostrarase que a través da colaboración directa entre desenvolvedores e fabricantes de solucións fotónicas, persoal experto en procesado de datos, intelixencia artificial e líderes de sectores estratéxicos, pódese dirixir o desenvolvemento áxil de sistemas sensoriais personalizados e o seu despregamento e validación en contornas operativas que abarquen solucións de hardware e software. Ademais, mostrarase o potencial de adaptabilidade, escalabilidade e transferencia destas solucións baseadas na fotónica ao abordar unha serie de necesidades industriais de maneira eficiente e rendible.
Socios de sete países
O consorcio está composto por socios académicos, pequenas e medianas empresas e grandes actores clave de sete países da Unión Europea: catro RTO (a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste en España; o IMEC en Bélxica; a Universidade de Vigo e o Instituto Fraunhofer Heinrich-Hertz, en Alemaña); unha grande empresa (Quest Medical Imaging B.V, nos Países Baixos), cinco pemes (Photonfocus AG de la Suissa, Aeromedia Uav SL e Abraia Software SL de España, Xenomatix de Bélxica, e Tematys de Francia), dúas asociacións empresariais (a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense de Portugal, e o European Photonics Industry Consortium de Bélxica) e un hospital (o Leiden University Medical Center, dos Países Baixos).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.