Notas de prensa

Sete arquitectas rumanas que deixaron unha fonda pegada protagonizan a mostra 'A muller que son'

“A arquitectura é unha arte que impacta na vida das persoas”, afirmaba a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, na inauguración este venres da exposición 'A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras', que homenaxea á raíña María de Rumanía, Virginia Andreescu Haret, Henrietta Delavrancea, Ioana Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Păun Constantinescu.

A vicerreitora estivo acompañada pola directora do Instituto Cultural Rumano de Madrid, María Floarea Pop; polo presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Santiago, Ángel Cid; polo responsable da Área de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luis Gil e polo cónsul honorario de Rumanía en Galicia, Diego Esquer.

Pilar Murias asegurou que a exposición é “un recoñecemento á comunidade rumana asentada en España e en Galicia” e lembrou que desde a USC hai colaboración con universidades rumanas a través do programa Erasmus ou programas europeos. Así mesmo, recalcou que a mostra supón “unha recuperación do labor dunhas arquitectas que non foi resaltado no seu momento”.

En concreto, a mostra homenaxe o traballo e as figuras da raíña María de Rumanía, que aínda non sendo propiamente unha arquitecta puxo as bases na sociedade para que puideran traballar nese eido as seis arquitectas que canda ela protagonizan a exposición: Virginia Andreescu Haret, Henrietta Delavrancea, Ioana Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Păun Constantinescu. Comisariada pola presidenta da Unión de Arquitectos de Rumanía (UAR), a arquitecta Ileana Tureanu, a exposición presenta, mediante unha selección de fotografías e textos, maquetas e obxectos, a actividade das arquitectas de Rumanía, desde as pioneiras da arquitectura rumana do período de entreguerras e posbélico, ata os nomes máis representativos das novas xeracións.

María Floarea salientou o feito de que “a arquitectura é clave para entender e conectarnos co mundo e as persoas”, e considerou que a exposición “serve de ponte entre Rumanía e España” e abre a posibilidade de colaborar en novos actos culturais no futuro. Sobre o traballo das sete arquitectas rumanas que se exhibe na exposición, indicou que as obras seleccionadas parten do ano 1919 e que as profesionais realizaron obras “de máximo nivel”.

No conxunto de obras exhibidas podemos ver como compatibilizar a restauración coa conservación da arte tradicional, o exitoso traballo de recuperación de sete mosteiros que logo foron declarados Patrimonio da Humanidade ou iniciativas “para achegarlles a arquitectura a nenas e nenos, para educar as novas xeracións”, subliñou a directora do Instituto Cultural Rumano de Madrid.

O presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Santiago, Ángel Cid, afirmou que a exposición permite “a posta en valor da arquitectura como ferramenta que reflicte o noso pasado e mostra como son as nosas sociedades”.

A colaboración entre o Instituto Cultural Rumano de Madrid, a Unión de Arquitectos de Rumanía, a Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio de Arquitectos de Santiago e o de Galicia, co apoio do Consulado Xeral de Rumanía en Bilbao, permite visitar por primeira vez en Santiago de Compostela esta exposición, que se poderá ver na Igrexa da Universidade ata o 8 de abril, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A mostra estará pechada os días 11 e 29 de marzo a partir das 19.00 horas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES