
A creación e caracterización destas películas, tal e como se denominan estes materiais ou compostos aptos para industria alimentaria, centra a tese de doutoramento desenvolvida pola graduada en Nutrición Humana e Dietética María Flórez Mora baixo a dirección de Manuel Vázquez Vázquez e Patricia Cazón, que se vén de presentar na Facultade de Veterinaria de Lugo baixo o título Desenvolvemento de películas compostas respectuosas co medio ambiente a base de quitosano.
Alén da creación destes novo tipo de envoltorios alimentarios, a autora desta investigación, presentada en formato de compendio de publicacións e que deu pé a cinco artigos recollidos en revistas de impacto internacional, enriqueceu tamén os compostos obtidos con diversos extractos naturais que os converten en envases activos con capacidade antioxidante. Na súa tese de doutoramento, a asturiana María Flórez Mora, afonda asemade nas posibilidades da economía circular, dado que propón solucións para aproveitar os residuos de crustáceos e mariscos, que son os que conteñen o quitosano, para elaborar produtos sostibles e aptos para a industria alimentaria.
Daquela, nun primeiro momento, Flórez Mora estudou o proceso de extracción de compostos activos da folla das ortigas, para logo avaliar técnicas, disolventes e tempos de extracción, a fin de optimizar a capacidade antioxidante do extracto desta planta e tamén para contrastar que o extracto acuoso das follas de ortiga constitúe un importante antioxidante natural. A partir destes resultados preliminares e logo da aplicación de modelos matemáticos, a nova doutora determinou que as condicións idóneas para a obtención do extracto de ortiga con maior capacidade antioxidante requiren de tratamento por ultrasón e uso de auga como disolvente durante un período de 3 horas.
O seguinte proceso recollido na investigación consiste na adición do extracto acuoso de ortiga en disolucións de quitosano, a fin de crear unha película activa, da que ademais caracterizou parámetros relativos ao seu nivel de solubilidade, humidade de equilibrio, permeabilidade ao vapor de auga, propiedades espectrais, antioxidantes e microestrutura.
O extracto de ortiga mostrou un efecto significativo nas propiedades analizadas, obtendo unha película con gran capacidade antioxidante, cuxo uso se testou como separador activo de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días. A partir das análises de capacidade antioxidante e de oxidación lipídica realizados no alimento, determinouse que a película permitiu reducir un 56% a oxidación lipídica do queixo.
Outro dos experimentos realizados e recollidos por Flórez Mora na súa tese responde á obtención dun extracto acuoso da alga kelp de azucre, do que tamén se analizaría a súa capacidade antioxidante, para logo engadir, en diversas concentracións, como ingrediente activo á película de quitosano. A súa posterior aplicación como separador de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días de almacenamento deparou unha diminución da oxidación lipídica do queixo nun 52,8%, ademais de manter a capacidade antioxidante das películas ao longo do estudo.
A adición aceite esencial de sándalo Santalum album en diversas concentracións á matriz de quitosano centrou o último ensaio compilado na tese de Flórez Mora, que tamén recolle a caracterización da película xerada. Este novo material aplicouse logo como envasado de manteiga para analizar a capacidade de retardar a oxidación lipídica. Tras 3 meses de almacenamento, observouse unha diminución do 36 % na oxidación das graxas da manteiga. Ademais, as películas ao ser realizadas con ácido málico son termo-selables e totalmente solubles en auga, polo que se retiran facilmente do alimento sen xerar residuos sólidos.
Tribunal de tese e cualificación
A profesora da Universidade de Vigo Ana Belén Moldes Menduiña presidiu o tribunal da tese, un comité do que tamén formaron prate a catedrátcia da USC, Ángeles Romero, en calidade de secretaria, e Rita Couto Pinheiro, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (Portugal). O tribunal acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude a María Flórez Mora, unha nova doutora que obtivo a mención internacional logo de ter completadas estadías en centros de investigación estranxeiros, tal e como son o International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal) e a Warsaw University of Life Sciences (Polonia).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.