Notas de prensa

O programa Talentos Inclusivos do CITIC da Universidade da Coruña consolídase na IV edición cun 50% máis de centros educativos participantes

O reitor da UDC, Ricardo Cao, presidiu na Domus da Coruña o acto de presentación do programa Talentos Inclusivos, promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) Coruña. Esta iniciativa, que pretende facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional, esténdese aos centros de secundaria, BAC e FP de toda Galicia.

De feito, a IV edición deste proxecto, conta coa participación de 15 centros educativos de toda a comunidade. Así o destacou o director do CITIC, Manuel G. Penedo, quen subliñou que “é un proxecto do que nos sentimos moi orgullosos e que conta xa cunha ampla traxectoria. Estamos moi satisfeitos por poder escalar agora, co apoio fundamental das institucións, a nivel autonómico”.

Pola súa banda, Mª Carmen Barreiro Santos, presidenta de ASPACE Coruña resaltou que: “para nós Talentos Inclusivos reúne todas as características dun gran proxecto. É innovador, xera coñecemento compartido, pon a tecnoloxía ao servizo das persoas e, sobre todo, é un proxecto que promove valores como o respecto, a igualdade e a inclusión e achega a parálise cerebral á sociedade”.

Na mesma liña, a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa, describiu Talentos Inclusivos como “ unha iniciativa que achega a ciencia á sociedade, permitindo ensinar e sensibilizar sobre a diversidade funcional. É un programa que une o liderado tecnolóxico e a mirada centrada nas persoas”. Unha idea na que tamén incidiu a subdirectora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Inmaculada Fernández, quen sinalou que “temos que educar aos mozos e mozas en que a única forma de exercer a cidadanía responsable é coa perspectiva permanente da inclusión. Ese é o obxectivo máis importante do programa Talentos Inclusivos”.

Un proxecto único en España que tamén recibiu o recoñecemento da directora da FECYT do Ministerio Ciencia, Innovación y Universidades, Imma Aguilar, quen felicitou o labor dos equipos participantes no proxecto, "xa que co seu esforzo conseguen espertar a curiosidade do alumando pola ciencia e fomentan unha sociedade diversa, inclusiva e solidaria”.

Pola súa banda, a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, coincidiu á hora de destacar o carácter “innovador de Talentos Inclusivos, que vai máis alá dunha iniciativa para espertar as vocacións científicas” e sinalou a este respecto que a “alianza entre a Xunta, a UDC e as entidades é imprescindible para avanzar nunha sociedade máis xusta e inclusiva”.

Por parte da Universidade da Coruña, o presidente do Consello Social, Antonio Abril, destacou o feito de que Talentos Inclusivos dá resposta a un dos principais obxectivos da UDC como é o de “velar polas inquedanzas da sociedade” e engadiu que “as tecnoloxías teñen que estar ao servizo das persoas e sempre o ser humano debe estar no centro dos proxectos tecnolóxicos”.

Na mesma liña, o reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou que “máis alá dos números deste proxecto (a cantidade de centros, alumnado e profesorado implicados, participantes ou profesorado) o importante son as persoas” e quixo expresar o agradecemento a ASPACE e aos seus usuarios “por permitirnos participar neste proxecto” e tamén aos estudantes “que teñen unha gran oportunidade de aprendizaxe en Talentos Inclusivos”, así como ás administracións implicadas porque a través do proxecto “os avances da UDC benefician ás persoas, que é o realmente importante, a transferencia de coñecemento á sociedade”.

SOLUCIÓNS TIC A PROBLEMAS COTIÃNS DE PERSOAS CON PARÃLISE CEREBRAL

A través de Talentos Inclusivos o alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional terá que buscar solucións TIC aos retos detectados por ASPACE Coruña, e tamén por Amencer-ASPACE e APAMP, dúas asociacións que se incorporan este ano como colaboradoras. A finalidade é cumprir o dobre obxectivo do programa: espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre os máis novos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos cooperativos de traballo para resolver os desafíos propostos polas persoas con diversidade funcional.

Entre os retos detectados para este curso destacan o desenvolvemento de soportes de impresión 3D para o guiador da bici, unha cámara de fotos accesible, timbres sen cables, pechaduras electrónicas, unha mesa para arteterapia e rehabilitación, adaptadores de mandos para videoconsolas, adaptadores de xogos como o “Simón di” ou un ventilador holográfico.

Os desafíos tecnolóxicos tentan dar resposta a diferentes problemáticas cotiás coas que se atopan as persoas con parálise cerebral en diversos ámbitos persoais e profesionais, a través de produtos de apoio e impresión 3D, como o de accesibilidade a dispositivos electrónicos, control de contornas do fogar e outros espazos de convivencia, sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, accesibilidade á educación e ó ámbito laboral ou lecer e ocio.

Na presentación do proxecto, ademais das entidades promotoras, CITIC e ASPACE Coruña e persoal docente dos centros educativos, participaron representantes das institucións que apoian o programa coma o Concello da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Universidade da Coruña, o Consello Social da UDC e a Xunta de Galicia.

Para finalizar a xornada, persoas usuarias de ASPACE Coruña, representantes do IES Rego de Trabe e o subdirector do CITIC, Javier Pereira, fixeron balance do traballo realizado anos anteriores e afondaron nas propostas e os retos a afrontar este curso 2023-24.

TALENTOS INCLUSIVOS

O proxecto ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional. Para iso, en cada edición, créanse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de centros educativos da provincia, apoiados polo seu profesorado e persoal investigador do CITIC. As persoas usuarias de ASPACE Coruña propoñen diferentes retos tecnolóxicos, atendendo ás necesidades prioritarias que eles detectan, para ser solucionados por parte do alumnado.

Produtos de apoio con impresión 3D, acceso ao ordenador e ao móbil, comunicación, fogar intelixente, rehabilitación e ocio son as áreas de traballo nas que os alumnos desenvolverán ferramentas e solucións TIC concretas.

PREMIOS

Ao longo da súa traxectoria, Talentos Inclusivos leva recibidos diferentes recoñecementos polo alcance, dimensión e obxectivos do proxecto. Destacan os concedidos polo COETG-AETG na categoría TIC con beneficios sociais concedido no evento de referencia Noite Galega das Telecomunicacións, o do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingenieros Informáticos de España ou o outorgado polo CPEIG á Innovación Tecnolóxica no Ensino e pola Deputación da Coruña ás Boas Prácticas en Servizos Sociais, entre outros.

SOBRE O CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES