Notas de prensa

Un proxecto piloto tratará de pór sobre a mesa solucións á soidade non desexada nas persoas maiores

Promocionar o envellecemento saudable e buscar maneiras de previr e tratar a soidade non desexada nas persoas maiores. Este é o obxectivo do convenio asinado este luns pola Universidade, a Área Sanitaria de Vigo e a Sociedade Galega de Xeriatría, un acordo co que as tres institucións tratarán de unir forzas na prevención nunha das cuestións con maior impacto na saúde das persoas maiores.

O acordo foi asinado este luns nas instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro por parte do reitor, Manuel Reigosa; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), José Mª Failde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo.

Trátase de establecer unha colaboración para abordar de modo conxunto unha investigación neste ámbito, sobre todo na detección, a prevención e o tratamento da soidade non desexada coa finalidade de minimizar o seu impacto na saúde dos maiores. De maneira conxunta, o acordo tentará definir e organizar as diferentes accións relacionadas co coñecemento da situación das persoas maiores de 75 anos en situación de Soidade Non Desexada e planificar o conxunto de accións preventivas para garantir uns parámetros de saúde adaptados ás súas necesidades. Ademais, tamén se vai promover a coordinación de todos os axentes implicados a nivel comunitario para abordar este fenómeno social e establecer un protocolo de cooperación interinstitucional no eido da saúde.

Proxecto piloto en cinco centros de saúde

Para realizar esta investigación, coordinada a través do servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo, vaise desenvolver un programa piloto nos centros de saúde de A Cañiza, A Guarda, Val Miñor, Moaña e Ponteareas. A través deste traballo tratarase de avanzar na identificación das principais problemáticas dos maiores de referencia neses centros de saúde, co obxectivo de avaliar resultados e implementar esta metodoloxía de acción comunitaria en todos os centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo.
Segundo o acordo asinado, o Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo comprométese a proporcionar, de xeito anónimo, á Universidade de Vigo e á Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía datos relativos ás características socio-demográficas e clínicas de persoas maiores, de cara a identificar factores de risco e causas da Soidade Non Desexada, así como factores vinculados co envellecemento saudable e a lonxevidade.

Pola súa banda, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e a Universidade de Vigo comprométense a proporcionar o asesoramento técnico e metodolóxico para a análise de datos, de cara a traducir os resultados de investigación na mellora da calidade de vida das persoas maiores.

Labor da UVigo no proxecto

O principal labor da UVigo neste proxecto será pois o asesoramento ao Servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo. “En relación coa detección, isto concretarase en coordinar a selección de mostra e a elección de instrumentos para a avaliación da soidade, a introdución de datos no programa estatístico e a posterior análise estatística dos mesmos”, explica María Dapía, investigadora da UVigo implicada neste proxecto.

A partir dos resultados obtidos, nunha segunda parte, formularanse diferentes sesións de traballo de cara a deseñar intervencións que poidan mellorar a calidade de vida das persoas maiores. “Nun terceiro momento, e cando as accións se implementen, corresponderalle á Universidade facer o seu seguimento e avaliación”, recalcou Dapía, quen non dubidou en afirmar que “un proxecto deste tipo é o mellor exemplo da necesaria conexión e colaboración entre a Universidade e a sociedade; unha colaboración na que universidade trata de dar resposta a unha necesidade sentida por parte, neste caso, do Servizo de Traballo Social da área Sanitaria de Vigo”, engadiu a investigadora.

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Os obxectivos e tarefas do presente acordo están aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Neste senso, o envellecemento afecta a cada un dos Obxectivos do Desenvolvemento como son a erradicación da pobreza, a eliminación da fame, ou acadar unhas cidades e asentamentos humanos inclusivos, seguros, resilientes e sostibles. Así mesmo, tamén se está a desenvolver unha estratexia nacional para combater a soidade non desexada, que afecta de modo especial ás persoas maiores.

Por isto, ante a necesidade de promover e coordinar actividades para a prevención e promoción de saúde nas persoas maiores e considerando que a Soidade Non Desexada está identificada como un dos principais problemas de saúde, decidiuse formalizar este Acordo de colaboración.

Universidade de Vigo, 2024-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES