Notas de prensa

Investigadores da UVigo lideran un proxecto que revolucionará o proceso de reciclaxe do vidro

A pesar de que a reciclaxe de vidro pode considerarse un caso de éxito comparado con outros materiais, cada ano 28.000 millóns de botellas e recipientes de vidro acaban en vertedoiros sen posibilidade de seren reciclados. Pare reverter esta situación, o grupo de Aplicacións Industriais dos Láseres, LaserON, da Universidade de Vigo lidera un proxecto europeo que tratará de revolucionar o proceso de reciclaxe do vidro desenvolvendo unha tecnoloxía radicalmente nova denominada glass laser transformation.

Cos profesores Juan Pou e Rafael Comesaña á cabeza, este grupo, que forma parte do Cintecx, lidera EverGLASS, que conta con socios de Eslovaquia, Alemaña e Francia, e con representación española por parte do CSIC. Cunha duración de tres anos e un orzamento de preto de 3 millóns de euros (783.750 euros para a UVigo), o proxecto foi seleccionado na convocatoria EIC Pathfinder Open no marco do Horizon Europe.

O obxectivo de EverGLASS - The new role of glass in a sustainable society. Technology for the integral recycling of glass – é transformar radicalmente a reciclaxe e utilización de residuos de vidro mediante o desenvolvemento dunha innovadora tecnoloxía de transformación láser. O seu enfoque, salienta, é innovador porque integra a reciclaxe no proceso de fabricación de produtos de vidro a medida, ofrecendo unha solución aos desafíos medioambientais asociados cos residuos de vidro.

Este mércores a Escola de Enxeñería Industrial acolleu a reunión de lanzamento do proxecto, na que participaron representantes das entidades socias acompañados, no acto de apertura polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo director da EEI, Juan E. Pardo. Ambos fixeron fincapé na importancia que ten para a escola e para a UVigo un proxecto desta envergadura. O reitor salientaba o “orgullo” que supón para Universidade que sexa un grupo vigués o que coordine unha iniciativa coma esta, que contribúe a unha “Europa máis forte e máis competitiva, que avance na reindustrialización” pero que tamén sexa “máis verde e sostible”. Para acadalo salientou o papel que xogan, como é o caso deste proxecto, das institucións, universidades e centros de investigación, que axudan a que Europa sexa “máis competitiva fronte a outros sistemas como EEUU, Xapón ou outros países asiáticos”.

Unha nova proposta para unha transformación radical do proceso de reciclado do vidro

O catedrático Juan Pou explica que o proceso actual de reciclaxe de vidro emprega tecnoloxía madura baseada en grandes instalacións que centralizan o proceso. “Isto supón un alto consumo de enerxía para fundir toneladas de vidro mediante un proceso pouco flexible” a isto únense os “custes de transporte do vidro ás grandes plantas de reciclaxe”. EverGLASS propón desenvolver unha tecnoloxía radicalmente nova (glass laser transformation) que se basea no emprego da tecnoloxía láser para a reciclaxe de vidro in situ. De xeito, explican os investigadores, “poderanse xerar produtos personalizados ou técnicos cun menor consumo enerxético, menor emisión de CO2 á atmosfera e menores custes de transporte”. E cal é o xeito de facelo? Os investigadores explican que os usuarios introducirán residuos nunha nova máquina e seleccionarán que novo produto queren obter. “Isto suporá pasar dun concepto de reciclaxe centralizado a outro distribuído, no que as persoas xogarán un papel fundamental”.

Unha proposta ambiciosa e radical

Como eles mesmos recoñecen a visión é “ambiciosa”, xa que pretende levar ao mercado de consumo unha tecnoloxía innovadora que permita a reutilización practicamente infinita do vidro. Pero tamén é “radical” porque “a través dun sistema polivalente capaz de localizarse en calquera lugar, propón un enfoque alternativo ao tradicional proceso de reciclaxe centralizado”. A nova tecnoloxía, engaden os investigadores, permite superar as limitacións actuais dos sistemas, que se caracterizan por un alto consumo enerxético, un elevado custe económico e pola rixidez e a forte esixencia loxística. Fronte a isto, proponse “un modelo altamente respectuoso co medio ambiente que permitirá flexibilidade no uso do material e no proceso. Por tanto, EverGLASS ten o potencial de revolucionar a reciclaxe como concepto”.

Por outra banda, os seus impulsores tamén subliñan que a súa proposta tamén aborda un dos principais problemas da reciclaxe, que é a falta de participación dos usuarios, ofrecendo unha forma “innovadora ao permitir a personalización de elementos reciclados de diferente uso”.

Dun concepto a un produto real

Para pasar dun concepto a un produto real, o grupo LaserON levará a cabo ensaios de laboratorio con diferentes tipos de vidro e en diferentes condicións experimentais. Coa colaboración dos demais socios do consorcio, levarase a cabo o deseño, construción e posta a punto dun prototipo industrial de máquina de reciclado de vidro baseado na técnica glass laser transformation desenvolvida polos investigadores vigueses. Ao mesmo tempo, o equipo da UVigo colaborará cos demais socios na caracterización, análise e validación dos produtos obtidos.

30 anos de experiencia no procesamento e síntese de materiais con láser

O grupo LaserON é unha referencia nacional e europea no campo do procesamento de materiais con láser pero para acadar este posicionamento, segundo eles mesmos explican, conflúen dous elementos clave. Por unha banda, “un grupo humano compacto e multidisciplinar con experiencia comprobada, con algúns membros que acumulan máis de 30 anos traballando neste campo” e, por outra, “o parque láser dispoñible”. O conxunto de equipos, principalmente fontes de láser de alta potencia e equipos auxiliares constitúen, engaden, “unha infraestrutura única na península ibérica e é un dos dez máis relevantes en Europa neste campo”.

Neste proxecto, o grupo LaserON colabora con expertos do Instituto de Cerámica y Vidrio do CSIC; do Centro de Investigación especializado en vidros funcionais FunGlass - Trenčianska Univerzita de Trenčín (Eslovaquia), do Instituto Europeo de Comunicación Científica - ESCI (Alemaña), do Centro Técnico de Investigación Agroalimentaria Actalia (Francia), e do Instituto Fraunhofer de Matemática Industrial - Fraunhofer ITWM (Alemaña).

Unha convocatoria para proxectos cunha visión nova e ambiciosa de tecnoloxía radicalmente nova

EverGLASS foi un dos 53 proxectos que resultaron seleccionados polo Consello Europeo de Innovación (EIC) no marco da convocatoria EIC Pathfinder Open. En total, presentáronse 783 propostas procedentes de 33 países, polo que a taxa de éxito é do 7%, nunha convocatoria “altamente competitiva”, como recalcaba o reitor e deseñada para proxectos cunha visión nova e ambiciosa de tecnoloxía radicalmente nova. O obxectivo deste programa é prestar apoio ás etapas iniciais de desenvolvemento destas tecnoloxías baseadas en investigacións innovadoras de alto risco e alto beneficio dende a ciencia ata a tecnoloxía, incluída a coñecida como ‘tecnoloxía profunda’.

Universidade de Vigo, 2024-01-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (presentes-2026.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a plataforma PRESENTES.gal, unha ferramenta pública destinada a visibilizar o talento feminino galego e facilitar a presenza de mulleres expertas nos espazos de debate, coñecemento e divulgación. Impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, esta iniciativa constitúe a maior comunidade dixital de mulleres profesionais de Galicia, co obxectivo de facilitar que organizadores de eventos, institucións, empresas ou medios de comunicación poidan localizar referentes femininos nos distintos ámbitos profesionais.
Foto de la tercera plana (turismo-santiago.jpg) O proxecto, que leva por nome Ways, usa o concepto do Camiño de Santiago para conectar á cidadanía coa ciencia inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade que caracteriza á Ruta Xacobea. Con esta finalidade, proponse converter o proxecto nun percorrido europeo que une tres rexións: Galicia (España), Pomorskie (Polonia) e Emilia-Romagna (Italia) a través das cidades de Santiago, Gdynia, Rávena e Módena. A Comisión Europea é a institución encargada da convocatoria, denominada Science Comes to Town e que acada a súa terceira edición. A través dela, financia iniciativas que achegan a ciencia á sociedade. Apoia a organización de eventos públicos como festivais, obradoiros ou actividades educativas co obxectivo de promover a cultura científica, fomentar o interese pola investigación e fortalecer a relación entre ciencia e cidadanía.

Notas

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da USC logo de ser elixida cun total de 1.397 votos ponderados, fronte aos 721 acadados pola catedrática de Óptica Maite Flores e 148 votos ponderados en branco. O día 12 produciuse a proclamación provisional da reitora e do 13 ao 20 establécese o prazo de recursos ante a Comisión Electoral Central.
Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida. O evento, organizado pola UVigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, desenvólvese ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES