
A actividade desenvólvese para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que se celebra cada ano o 11 de febreiro. En 2024 a xornada adiántase dous días debido a que o 11 é domingo e nela poden inscribirse alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia.
O IGFAE, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, considera que é esencial promover o acceso á ciencia e a participación plena e equitativa de todas as persoas, especialmente en disciplinas como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero, cunha escasa presenza feminina. Por iso nesta xornada abre as súas portas ás mozas galegas, para que coñezan o traballo do centro e tomen contacto con este campo, gozando dunha experiencia inesquecible e coñecendo as tarefas cotiás das investigadoras que traballan na disciplina.
Número de prazas
O número de prazas está limitado a 60 participantes en total, e dúas alumnas de 1º de bacharelato por instituto, con posibilidade de ampliar a tres en función da evolución das inscricións. A xornada pode ser un incentivo para decantarse por carreiras científicas, polo que cómpre ter presente este criterio na selección das participantes. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, debería tamén considerase este aspecto.
O formulario de inscrición estará aberto desde o 15 ata o 28 de xaneiro ás 23.59 horas. O profesorado que acompañe as estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada e o IGFAE farase cargo da manutención.
Programa da Masterclass
Durante a mañá, as asistentes afondarán no coñecemento da física de partículas cunha serie de conferencias introdutorias. A continuación realizarase unha sesión práctica por ordenador, na que se utilizarán datos reais dun experimento do CERN. Os resultados discutiranse posteriormente por videoconferencia con investigadoras do CERN, así como con alumnas doutros países que tamén participan na Masterclass. Nesta edición, á videoconferencia que se celebra en Santiago tamén se unirán estudantes de Brasil, Bulgaria e Italia.
Na sesión da tarde haberá unha charla-coloquio que poñerá o acento nas figuras de moitas mulleres, procedentes de diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións, que fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, pero que seguen sendo en moitos casos bastante descoñecidas.
A Masterclass ofrece, por tanto, unha oportunidade e unha experiencia enriquecedora para as alumnas, que terán a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora e farano, ademais, aprendendo sobre a historia das mulleres na ciencia. A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas, promotor da Masterclass, e a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.