
Agora, un equipo de investigadores da Facultade de Física da USC acaba de desenvolver unha representación virtual da Catedral compostelá coa que xestionar a circulación de aire no seu interior e preservar, deste xeito, a súa conservación.
O estudo toma como punto de partida a noción de xemelgo dixital, un concepto que ten a súa orixe na NASA e que xurdiu coa vontade de mellorar a simulación do modelo físico dunha nave aeroespacial. En concreto, o xemelgo dixital é unha representación virtual dun obxecto, proceso ou servizo físico. Estas réplicas virtuais son utilizadas para crear simulacións antes de aplicar cambios nos obxectos reais. Trátase de recompilar datos para predicir como pode ser o seu comportamento futuro. O equipo integrado polo catedrático da USC e investigador do Instituto de Materiais da USC (iMATUS), Jorge Mira, e polos tamén investigadores da USC Alberto Otero Cacho e Alberto Pérez Muñuzurri, pertencentes ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), desenvolveu este modelo matemático complexo utilizando técnicas de fotogrametría.
Estas ferramentas permitirán entender os fluxos de aire e a condensación de humidade no interior da catedral, co obxectivo de mellorar a súa protección e preservar o seu valor patrimonial. Espérase, de feito, que os resultados poidan beneficiar tamén a outros edificios históricos no futuro. Este proxecto que contou tamén coa colaboración do grupo de Luis Hernández Ibáñez do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC non só representa un fito na preservación do patrimonio cultural de Galicia e España, senón que tamén demostra a capacidade da ciencia e a tecnoloxía para protexer e comprender mellor o legado histórico e arquitectónico.
Estudo pioneiro
Os resultados do estudo foron presentados este venres 12 nun acto que se desenvolveu no Museo das Peregrinacións e no que participaron Jorge Mira e Alberto Otero, xunto a Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Este foi un traballo difícil, explicou Jorge Mira, quen fixo fincapé en que esta investigación constitúe un estudo pioneiro en España ao ser unha das primeiras recreacións virtuais para ver como se xestiona o fluxo do aire nunha construción desta magnitude. A catedral está orientada cara ao oeste, case en liña recta coa ría de Noia, polo que enfronta o vento directamente co Pórtico da Gloria. Sábese que o aire entra maiormente nesa dirección, pero descoñécese como se move no interior e onde deposita a humidade.
Daniel Lorenzo sinalou que a realización deste proxecto foi posible grazas á gran cantidade de datos e modelos recollidos e proxectados con anterioridade desde a Fundación Catedral de Santiago, que, durante as última obras de restauración, monitorizou todo o conxunto catedralicio. Tamén destacou a importancia desta nova ferramenta que vai permitir prever movementos de aires e graos de humidade en determinados supostos, e adecualos aos traballos de conservación preventiva que se levan a cabo na Catedral. Nesta mesma liña, Román Rodríguez manifestou o compromiso da Xunta para traballar pola conservación deste ben patrimonial a nivel mundial, partindo da premisa de coñecer para previr. Así mesmo, destacou a implicación da Universidade e de todos os equipos vinculados á iniciativa. No acto tamén participou María del Carmen Martínez Insua, directora xeral do Patrimonio Cultural.
Alberto Otero foi o encargado de explicar os detalles do proxecto, destacando a creación dun xemelgo dixital que defina estratexias de ventilación e que analice a influencia das posibles modificacións que se poidan levar a cabo no interior da catedral, froito do seu funcionamento ordinario. Trátase, en definitiva, de crear un modelo preditivo, que sexa robusto e que permita realizar simulacións de maneira rápida, e a partir de múltiples supostos.
Financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, o proxecto tivo como obxectivo comprender a circulación do aire e a humidade no interior do monumento. Ata agora, este fenómeno, vital para a preservación da estrutura, foi un enigma para os expertos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.