Notas de prensa

Catro textos inéditos da tradición xacobea previos ao século XIII integrarán un volume no que se revisan os xa coñecidos

Compilar todos os textos sobre o apóstolo Santiago en Compostela e as peregrinacións ao seu sepulcro, traducilos ao castelán e realizar un estudo inicial e un aparello de notas coa finalidade de compoñer unha monografía útil tanto á comunidade académica como ao público xeral é o obxectivo dun proxecto de Joel Varela Rodríguez, quen recibiu para esa finalidade unha axuda da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC.

“Os textos inéditos máis reseñables son catro novas versións do relato da traslación, todas elas probablemente da segunda metade do século XI e tamén probablemente escritas en Compostela, aínda que están conservadas só en manuscritos extrapeninsulares. De entre estos os únicos que se encontran en acceso aberto son dous da biblioteca estatal de Múnic: son os códices Clm 2552 e Clm 3704”, explica Joel Varela, quen é profesor da Ãrea de Filoloxía Latina do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC.

Outro texto relevante, segundo indica, é “a Concordia de Antealtares, que recolle a versión máis extensa do achado da tumba de Santiago. Non estaba inédita, pero só existían transcricións das copias e non do documento máis antigo, que foi modelo das outras copias conservadas e que se conserva no Archivo Histórico Universitario da USC”.

A memoria do proxecto de investigación, titulada Máis aló do Códice Calixtino. Compilación, tradución e comentario dos textos da tradición xacobea ata o ano 1200, acaba de ser publicada na web da Cátedra, desde onde se salienta que o fenómeno histórico das peregrinacións á cidade de Santiago non se comprende sen unha serie de textos, de procedencia e cronoloxía diversa, que lexitiman e dan veracidade aos distintos factores que motivan esas peregrinacións: a predicación do apóstolo Santiago o Maior na Península Ibérica, a translación do seu corpo a Galicia e o achado milagroso da súa tumba en Compostela. Algúns destes textos pasaron a configurar o chamado Liber Sancti Iacobi, cuxo testemuño máis antigo e importante, o Códice Calixtino, é hoxe ben coñecido, existindo unha transcrición recente e traducións anotadas a diversas linguas.

Con todo, ata finais do século XII aproximadamente, puxéronse por escrito outra serie de textos que non foron incorporados ao Liber sancti Iacobi e que, en moitos casos, son de importancia capital para a comprensión do fenómeno xacobeo; basta citar, por exemplo, a Concordia de Antealtares, a Epístola do papa León ou varios himnos na honra de Santiago, así como os primeiros testemuños de peregrinacións a Compostela. A pesar da relevancia histórica desta armazón textual, actualmente moitos dos textos áchanse dispoñibles só en edicións dispersas e de difícil acceso. Por outra banda, practicamente ningún destes textos, todos eles en latín, conta cunha tradución a unha lingua moderna.

O obxecto do proxecto de Joel Varela foi reunir todos os textos referentes ao apóstolo Santiago en Compostela e ás peregrinacións xacobeas ata finais do século XII, momento no que termina de configurarse o canon fundamental, para logo traducilos ao castelán, cunha pertinente introdución histórica e as correspondentes anotacións. Iso dará lugar a unha monografía que, unha vez publicada, cumprirá dous obxectivos fundamentais: o primeiro, poñer ao dispor da comunidade académica a primeira compilación e tradución de todos estes textos, facilitando o seu acceso aos especialistas do fenómeno xacobeo en Historia, Historia da Arte ou Filoloxía cando precisen recorrer a estas fontes textuais para as súas investigacións; o segundo, difundir entre o público xeral esta colección de textos, que, á vista do éxito das peregrinacións nos últimos anos, é previsible que teñan unha boa recepción entre persoas non especialistas.

No curso do proxecto, observouse que algunhas edicións eran deficientes e existía unha certa cantidade de textos inéditos, sobre todo referentes á translación do corpo do apóstolo Santiago de Palestina a Galicia. Por iso, a monografía, que se agarda saia proximamente, propón tamén edicións moi revisadas de textos coñecidos e, nalgúns casos, a primeira publicación dalgúns textos.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES