
A OIG está destinada a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio é o seu obxectivo é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade. A organización da olimpíada pechou a preinscrición na competición con 20 participantes e abre desde este mércores e ata o 18 de xaneiro a inscrición final, para a que aínda quedan 16 prazas dispoñibles.
Clasificación para a fase estatal
A olimpíada celebrarase de xeito presencial o 3 de febreiro na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense de 10.00 a 14:30 horas, contando coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación para automatizar a súa resolución, permitíndose o uso de C++, Python ou Java. Os problemas desta olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. A cita permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXVIII Olimpíada Informática Española, que se celebrará en marzo en Sevilla. De aí, as e os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que terá lugar en setembro en Exipto.
O certame está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC, como Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a ou o mellor participante da ESO, indican desde a organización.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.