Notas de prensa

Persoal da USC traduce por primeira vez ao galego actual as 'Cantigas de Santa María'

O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago está a traballar nunha nova edición crítica das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, que estará acompañada dunha tradución ao galego actual, e que se editará en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O grupo aborda diferentes liñas de estudo vencelladas coa Idade Media e dentro delas a catedrática de Filoloxía Románica Elvira Fidalgo céntrase dun xeito moi particular nas cantigas.

A investigadora ten estudado esta obra en todos os seus aspectos: a edición dos textos, a análise das súas formas métricas, o léxico empregado para a súa redacción, o que tería sido o seu público receptor, o proceso de creación ou a análise da sociedade medieval que se reflicte nos seus versos. “Esta é unha das peculiaridades desta obra porque, como se trata de textos narrativos, onde se contan feitos que lle podían pasar a calquera persoa na Idade Media, sen distinción de clases sociais, de lugares ou de etnias, ofrécenos un debuxo perfecto da vida e costumes das xentes do século XIII”, indica.

A catedrática xa realizou recentemente a primeira tradución completa ao castelán que existe destes textos, dispoñible en formato electrónico na web da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. A súa finalidade é facilitar a comprensión destas composicións aos investigadores que non están familiarizados co galego medieval (nin co galego) e que as usan como soporte para as súas investigacións nos campos máis diversos.

Explicación dos topónimos

Na actualidade, Elvira Fidalgo está a elaborar unha nova edición crítica das cantigas desde a proposta das normas ortográficas do galego actual. Tanto a edición como a tradución ao galego estarán accesibles na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, onde tamén se aloxará un recurso electrónico (e-Strela) que facilitará a investigación ás persoas investigadoras que desexen coñecer os detalles máis precisos das Cantigas de Santa María, achegando así mesmo a obra ao público menos especialista. “É a primeira vez que se realiza a tradución completa desta colección tanto ao castelán como ao galego porque son moitísimas cantigas -427- e porque, debido á estrutura que seguen, cómpre descompoñer e recompoñer as estrofas para que se comprendan ben os textos”, explica a experta.

“O estudo e a investigación na literatura medieval teñen que adaptarse aos tempos actuais. Por iso, a combinación de manuscritos medievais e das Humanidades Dixitais é imprescindible no noso labor de investigación e de difusión do coñecemento adquirido”, salienta a investigadora. Nesta liña, cada unha das cantigas editadas, irá acompañada non só da tradución ao galego senón que tamén irá apoiada na súa correspondente transcrición paleográfica, o que permitirá coñecer como se copiou ese texto en cada un dos manuscritos, con que trazos ortográficos e caligráficos. Esta ferramenta será de interese e grande utilidade tanto para investigación como para calquera lectora ou lector, que poderá obter información moi diversa que se extrae destas composicións como a explicación dos topónimos e da súa importancia no texto, de personaxes históricos, de casuísticas sociais particulares, de termos arcaicos... e así, dun xeito moi sinxelo, poderá comprender mellor e máis amplamente o texto que está a ler.

Un campo de estudo inesgotable

“As páxinas destes manuscritos son un campo de estudo case inesgotable, aínda queda moitísimo por estudar por parte de filólogos, historiadores e musicólogos. A variedade de temas que tratan fai que se poidan abordar os aspectos máis diversos, desde a sociedade, a situación das mulleres, as profesións, os espazos… ata a simboloxía dos animais presentes nos seus versos”, declara Fidalgo. Resalta que as Cantigas de Santa María é a única colección de milagres da Virxe escrita en galego-portugués, “unha obra única en Occidente”. En 1992 xa lle dedicou a súa tese de doutoramento. Daquela indagou na composición dos distintos textos, tan similares entre eles, pero con diferenzas específicas que permitían establecer grupos diferenciados. “Cheguei á conclusión de que a composición dos textos individuais respondía á mecánica da composición dos sermóns que forman parte da liturxia, pero que se encaixan no modelo da canción amorosa medieval” -sinala-.

A experta apunta que unha das moitas singularidades destas cantigas é que están escritas en galego, nun momento no que o rei Afonso X estaba a promover o uso do castelán para establecelo como lingua oficial do reino de Castela. Ademais, indica que destacan no panorama da literatura medieval románica pola riqueza dos códices que as conservan. “Por motivos estritamente persoais, Afonso X non só pretendeu facer a colección máis extensa de milagres da Virxe, senón a máis luxosa. Por esta razón, estes textos, na súa maior parte narrativos, están encaixados nun formato propio da lírica, acompañados da súa notación musical e, o que resulta máis impresionante, acompañados dunha páxina de miniaturas que representa en imaxes o que conta o texto da páxina precedente. Esta combinación de texto, música e imaxes é o que converte esta colección en única”, explica a catedrática da USC.

Afonso X foi o impulsor deste proxecto cultural. Tal como asegura Elvira Fidalgo, “probablemente el aceptou a proposta de levar a cabo esta colección e tomaría as decisións relativas ao número e tipo de composicións, ao tipo de códices nos que se copiarían, e tería a última palabra no que respecta ao resultado final da combinación de texto, música e imaxe”. En canto aos autores, a catedrática apunta que “aínda que a día de hoxe é imposible identificar os trobadores -nin sequera en que número- que participaron na súa confección, persoalmente estou segura de que algunha das cantigas saíu da man do propio rei. Pero, do que non hai dúbida é de que moitas outras mans, cada unha especializada nun campo determinado, traballaron conxuntamente para sacar adiante esta magnífica obra, que Afonso X apreciou de xeito particular”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES