
Durante ese período a actividade centrouse fundamentalmente no desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitisen, mediante a I+D+i, incrementar a competitividade do estaleiro ferrolán para aplicalo actualmente ao programa das novas fragatas F-110.
Nesta nova etapa do Centro Mixto de Investigación mantense o obxectivo, pero agora as aplicacións estenderanse á nova planta do estaleiro de Ferrol e, particularmente, á nova Fábrica Dixital de Bloques. Tres son as principais liñas de investigación: Xemelgo Dixital do Produto; Xemelgo Dixital do Proceso ou Planta; e Novos Procesos, que suman un total de once actuacións diferentes.
As enmarcadas na primeira delas refírense, fundamentalmente, á plataforma en si, tratándose particularmente pilotos do GD da estabilidade, inundación, avarías e propagación de lume e fumes no buque, para dar soporte ao proxecto das F-110.
O Xemelgo Dixital da Planta, pola súa banda, trátase mediante o desenvolvemento de pilotos na planta existente, que sexan escalables e de aplicación na futura Fábrica de Bloques que Navantia construirá no estaleiro de Ferrol. Finalmente, a liña de Novos Procesos tratará a dixitalización dos procesos produtivos do estaleiro, así como dos traballadores que levan a cabo os mesmos.
Todas están orientadas ao obxectivo principal do CEMI: a transformación do estaleiro de Navantia-Ferrol nun Estaleiro 5.0. Isto permitirá á compañía pública mellorar a súa competitividade, así como as prestacións dos seus produtos, incrementando o seu valor engadido e diferenciándose dos seus competidores globais.
Na actualidade, todas as innovadoras liñas están xa en marcha, todas a velocidade de cruceiro e moitas delas con resultados palpables. Cremos que o resultado deste primeiro ano estivo mesmo por riba das expectativas que tiñamos, destacan os codirectores do CEMI, Pablo Fariñas, por parte da UDC, e Rafael Morgade, por Navantia.
O CEMI, iniciativa conxunta da Universidade da Coruña, Navantia e a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), nace co fin de dar soporte ao estaleiro público da ría de Ferrol na súa transformación cara á industria 5.0. Cun horizonte fixado ata setembro de 2025, data na que concluiría o proxecto actual do centro, conta con preto de catro millóns de euros de financiamento e arredor de 150 investigadores e profesionais implicados por parte de ambas as dúas institucións.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.