Notas de prensa

UVigo SpaceLab amosa os avances no desenvolvemento da misión espacial BIXO

A misión biolóxica espacial BIXO, impulsada pola agrupación de estudantes UVigo SpaceLab, segue dando pasos importantes de cara a convertese nun fito para a Universidade de Vigo. Este martes, no marco dunha visita institucional da Axencia Galega de Innovación, a súa directora, Patricia Argerey, xunto co reitor, Manuel Reigosa, puxeron unha “primeira pedra simbólica” deste proxecto.

O percorrido polas instalacións de UVigo SpaceLab na EE de Telecomunicación e no centro de investigación CINBIO, incluíu a visita á sala limpa, onde se realizou a ensamblaxe do modelo de voo de Totem na estrutura do satélite. Para o equipo, formado por arredor de 40 estudantes de diferentes titulacións, este é un paso moi importante xa que é o primeiro subsistema do cubesat que se reciben para o proxecto, achegado neste caso pola spin-off da UVigo, Alen Space.

Argerey e Reigosa estiveron acompañados na súa visita pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e os directores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz; da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso; da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, así como Carlos Ulloa, en representación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Na visita tamén participaron o director e subdirectora de atlanTTic, Martín Llamas e Yolanda Blanco, e o catedrático Fernando Aguado, en responsable do grupo ATRG (Aerospace Technology Research Group).

Tanto o reitor como Argerey felicitaron o equipo de UVigo SpaceLab polo seu “talento” e por realizar un traballo “tan impresionante” nun proxecto que require “colaborar con tantas organizacións e empresas”, subliñaba a directora de GAIN, quen tamén poñía en valor a capacidade que teñen para explicar e transmitir o que están a facer. O reitor, pola súa banda, lembrou que tanto as escolas como atlanTTic están moi acostumados á colaboración público-privada, “sería imposible facelo todo na casa, no público, e por isto temos moito que agradecer a todos”.

O satélite máis pequeno que se porá en órbita con carga biolóxica

A xornada comezou no laboratorio do equipo, onde Manuel Diz e Guillermo Calvo, membros do equipo de coordinación de UVigo SpaceLab, explicaron ás autoridades que a finalidade do proxecto é que “o satélite BIXO sexa enviado ao espazo cunha carga biolóxica e estudar como lle afecta a microgravidade e a radiación á exposición prolongada ao ambiente espacial”. O equipo de estudantes encárgase tanto da parte biolóxica como da tecnolóxica, desenvolvendo, como detallaba Diz, dende “a estrutura do satélite ata o ADCS (sistema de control de orientación e actitude do satélite), a cámara, o software e a antena de banda S e amosaron na presentación varios prototipos e maquetas da misión. Outra parte dos subsistemas son achegados polas empresas patrocinadoras e colaboradoras.

Na presentación, Diz lembrou que BIXO é o satélite máis pequeno que se quere pór en órbita con este tipo de cargas biolóxicas, xa que ata o de agora a NASA e o resto de axencias que desenvolveron satélites deste tipo fixérono cun tamaño maior, é dicir, cun formato cubesat 3U (30X10X10 cm) e desde UVigo SpaceLab farano en 2U (20x10x10 cm), o que supón un reto adicional polo compacto que será todo o sistema. Ademais, Diz tamén anunciou que, aínda que o lanzamento estaba previsto para o vindeiro 2024, finalmente tomouse a decisión de aprazalo a 2025, co obxectivo de completar os trámites de operador da Universidade de Vigo e asegurar as licenzas de radiofrecuencia necesarias para unha operación legal dende a futura estación terrea.

Despois da presentación do proxecto, a comitiva trasladouse á sala limpa da EE de Telecomunicación, onde Argerey e Reigosa puideron ver unha demostración realizada polo responsable do Departamento de Comunicacións de UVigo SpaceLab, Pablo Fernández, do funcionamento do modelo de enxeñaría de Totem, o módulo de comunicacións proporcionado pola empresa Alén Space que levará abordo BIXO e ambos realizaron a ensamblaxe do modelo de voo de Totem na estrutura do satélite, comezando así a colocación da primeira “pedra” desta misión.

Visita ao CINBIO

Tras coñecer as instalacións da EE de Telecomunicación, as autoridades desprazáronse ao centro de investigación CINBIO, onde Argerey foi recibida polo seu director, Miguel Correa, e polos responsables do grupo FunNanoBio, Isabel Pastoriza e Jorge Pérez Juste, e o investigador Gustavo Bodelón. Nesta parte da visita, Xavier de Rada, membro do Departamento de Microfluídica de UVigo SpaceLab, realizou unha electroporación en tempo real, mentres explicaba os aspectos biolóxicos da misión, como o tipo de bacteria que se enviará ou o método de medición. Ademais, o CEO do equipo, Manuel Diz, tamén explicou o proceso de fabricación dos chips microfluídicos que levarán ás bacterias a órbita para estudar posteriormente o seu crecemento no espazo.

Ensaios no marco do proxecto europeo Wiptherm

Ademais da primeira pedra simbólica posta este martes, dende o equipo tamén poñen o foco noutro fito deste 2023 como é a realización dos ensaios de vibracións e termovacío cunha estrutura de tamaño 3U deseñada polo equipo en colaboración co grupo de investigación ATRG no marco do proxecto europeo Wiptherm. Esta é unha proposta innovadora para a utilización dun nanosatélite de estándar CubeSat como punto de carga para outros satélites próximos en situacións de déficit enerxético e o obxectivo da colaboración, explican, foi comprobar que ambos, a carga útil de Wiptherm e a estrutura desenvolvida polo equipo, sobrevivirían ás condicións de altas vibracións durante o lanzamento e ás temperaturas extremas nunha vez estean en órbita. Os ensaios confirmaron a viabilidade tanto da carga útil de Wiptherm como da estrutura do equipo.

Por outra banda, a misión BIXO segue colaborando cos expertos da Axencia Espacial Europea no programa Fly Your Satellite! Design Booster, no que BIXO foi seleccionado a finais de 2022. Ata o momento, este programa supuxo para UVigo SpaceLab unha mellora técnica en todos os ámbitos, elevando a viabilidade da misión e da formación espacial de todos os membros. Grazas ao asesoramento da ESA, recalcan, superouse con éxito a BaseLine Design Review, onde se sentaron as bases para o desenvolvemento de todos os deseños finais dos compoñentes de BIXO de cara ao seu futuro prototipado, testeo, fabricación, lanzamento e desempeño en órbita.

Tras máis de tres anos de traballo nesta misión biolóxica, UVigo SpaceLab ten consolidado avances en moitos outros aspectos. Por unha banda, na área das comunicacións, a adquisición do primeiro subsistema completo de BIXO “ampliou as nosas capacidades e posibilidades de experimentación, pasando da teoría á práctica grazas á empresa patrocinadora Alén Space. No eido da microfluídica e a bioloxía, adquiriron unha impresora de resina que permite fabricar sistemas microfluídicos personalizados de alta precisión, mentres que no relativo aos aspectos bacterianos, o traballo enfocouse no proceso de liofilización e nos métodos para reactivar bacterias en órbita, en colaboración co CINBIO. Finalmente, respecto da electrónica, e tras analizar e probar a primeira iteración das placas da carga útil, identificáronse áreas de mellora que foron implementadas na segunda iteración, deseñadas polos membros do Departamento de Electrónica que, sen o apoio da empresa patrocinadora Star Electrónica non terían sido posibles, engaden dende o equipo.

Universidade de Vigo, 2023-12-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) A primeira fase do piloto do proxecto Xenoma Galicia permitiu detectar, entre os máis de 1.000 participantes aos que se lle recolleu unha mostra de sangue, 14 novos casos de alto risco para as patoloxías investigadas de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. A Consellería de Sanidade presentou esta mañá ante o Consello da Xunta un informe de situación do piloto do proxecto Xenoma Galicia. Cun investimento de 20 millóns de euros, o Goberno galego márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas. Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por altas temperaturas aos niveis 1 e 2. Deste xeito, a vaga de calor iniciada pasado venres, que na xornada de onte acadou o nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, agora queda establecida nos dous primeiros niveis de alerta. En concreto, as zonas que ficarán no nivel 2 son o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, así como o Centro e a Montaña da provincia de Lugo. Pola súa banda, defínese o nivel de alerta 1 por vaga e calor as zonas do interior de Coruña, o sur de Lugo, Miño de Ourense, montaña de Ourense, sur de Ourense, Valdeorras, litoral de Pontevedra e a zona Miño de Pontevedra.

Notas

A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da UVigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viabilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES