
O SEG pretendía atender diversos campos do saber que non eran obxecto de estudo como materia galega na universidade, tanto dende o punto de vista investigador como formativo e divulgador. Estas páxinas avalían, precisamente, o estado actual das disciplinas que constituíron as diferentes seccións integradas no SEG. O libro é o resultado das xornadas de investigación que Filoloxía organizou no mes de outubro para ofrecer un balance das devanditas disciplinas a través da mirada do estudantado de doutoramento da USC.
Na presentación desta obra, o reitor Antonio López agradeceu un traballo que recupera a filosofía do Seminario de Estudos Galegos e o achega ao público máis novo, situando Galicia como eixo de estudo con absoluta normalidade, se ben esta situación lembrou é resultado dunha traxectoria longa e de esforzo colectivo. O reitor alentou o equipo promotor do libro a seguir traballando na procura dunha mellora continuada dos logros xa alcanzados e particularmente da perspectiva galega.
O volume As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe remarca a importancia de recuperar a vocación de intervir dende a Universidade, afirmou Helena Martínez Cabrera en representación do equipo de persoal investigador implicado no desenvolvemento do seminario e do correspondente volume. O traballo desenvolvido permitiu conectar distintas disciplinas e ir máis alá dos espazos propios de intervención de cada unha das persoas especialistas que participaron para definir liñas compartidas, engadiu Lúa Blanca Garea Garrido.
Esta transversalidade é un dos sinais de identidade do traballo presentado xunto coa súa vocación de transferencia do eido investigador cara á sociedade, remarcou no acto o decano da Facultade de Filoloxía Elias J. Feijó Torres. Como engadiu, a publicación deste volume permite avanzar na edificación dunha idea de Seminario de Estudos Galegos que poida ter continuidade con periodicidade anual e posibilite profundar nos estudos de Galicia, pero tamén nos realizados dende Galicia sobre calquera outra disciplina. Deste xeito afóndase nunha mellor comprensión das distintas formas nas que se manifesta a cultura galega, engadiu a vicedecana do centro e coordinadora do volume Alejandra Ulla Lorenzo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.