Notas de prensa

Máis dun centenar de investigadores da UDC e Navantia, involucrados a través do Centro Mixto de Investigación no desenvolvemento do estaleiro do futuro

A clave do éxito do CEMI, o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, está en reunir talento e experiencia. O equipo involucrado no programa supera as 100 persoas, 52 da Universidade da Coruña e 47 da compañía pública, ás que habería que engadir outras que se integran nos grupos de traballo a través das subcontratacións necesarias para determinados proxectos.

Igual que Navantia é unha industria de síntese, na que cada produto é o resultado da integración de diversos equipos fabricados por outras compañías, o CEMI ten o reto de obter a mellor solución ensamblando o coñecemento e a experiencia de perfís diferentes. Despois de que o seu antecesor, a Unidade Mixta de Investigación, UMI, UDC-Navantia lograse éxitos moi significativos co traballo en común do persoal da Universidade e a empresa, agora trátase de intensificar a hibridación dos equipos de traballo. Nesta fase do Centro Mixto de Investigación plantéxase o desafío de ir más alá en canto á interdisciplinariedade dos equipos.

A UDC asignou aos proxectos do CEMI 28 investigadores que forman parte do seu persoal. Deles, a maioría son doutores e doutoras en Física, Enxeñaría Industrial, Enxeñaría Informática ou Enxeñaría Naval e Oceánica e nove son catedráticos de universidade. Son perfís cunha longa traxectoria no ámbito tecnolóxico e científico, que suman máis de 800 artigos publicados en revistas científicas e que participaron ou dirixiron máis de 400 proxectos de investigación.

A estes 28 investigadores sénior engádense outras 27 persoas contratadas pola Universidade a tempo completo, con perfís correspondentes a máster en enxeñaría, enxeñaría técnica, grao en enxeñaría ou grao ou licenciatura en ciencias aplicadas. Deles, a metade son novas incorporacións e a outra metade continúan en postos creados no marco da anterior UMI.

Pola súa banda, Navantia asignou 47 persoas aos diferentes proxectos de investigación que está a desenvolver o CEMI. Catro delas dedícanlles o 51% da súa xornada de traballo, mentres que o resto destina entre un 5% e un 15% da mesma a tarefas que abranguen diversos ámbitos como o control de calidade, o apoio ao ciclo de vida, a trazabilidade, o control estatístico de procesos, inspección ou laboratorio, entre outros.

Os perfís de Navantia corresponden tamén a persoas cunha alta cualificación. Titulados e tituladas en Ciencias Químicas, Enxeñaría Naval e Oceánica, Deseño Industrial, Enxeñaría Técnica Naval, Enxeñaría Técnica Industrial en Electrónica, en Mecánica, Enxeñaría de Camiños, Automática ou Telecomunicacións. No equipo hai tamén un doutor enxeñeiro industrial. En conxunto, o persoal que a empresa pública imputou ao programa do CEMI suma máis de 700 anos de experiencia na compañía pública en áreas de alta especialización.

Universidade da Coruña (UDC), 2023-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES