
O xurado encargado de fallar os galardóns do II Certame de Paisaxe Sonora, ao que concorreron un total de 16 propostas, acordou asemade destacar como pezas finalistas as composición Raposo, de Anne Lepere, As Pontes da Ulloa, de Jesús Otero Seoane, e Navegando, de Eloísa Matheu Cortada.
Alén dos galardóns outorgados polo xurado do II Certame de Paisaxe Sonora, un tribunal formado por Xoán Xil López Rodríguez, Arturo Vaquero Taboada e Marco Antonio Maril Pardo, o Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) agasallou co Premio honorífico Inmaculada Cárdenas GCSUS 2023 a El Peregrino.
Asemade os responsables do GCSUS, Efraín Díaz, Inmaculada Cárdenas e Mónica Álvarez, acordaron conceder cadansúa mención de honra a outras tres pezas. Daquela, o GCSUS outorgou este recoñecemento ás obras Raposo e Sensacións do Morrazo, ao tempo que salientou a calidade das gravacións e a capacidade para xerar sensacións da peza Navegando.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.