
O proxecto GRESINT, financiado con fondos FEDER, foi elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal, conta cunha dotación de 787.544,67 euros e unha duración de tres anos. Consiste nun proxecto transversal e innovador que combina tecnoloxía, sustentabilidade e circularidade, co obxectivo de revolucionar a xestión de residuos mediante a incorporación de tecnoloxías intelixentes que melloren a clasificación dos envases e logren impactar no resto da cadea de valor: recollida, selección, reciclaxe e valorización dos mesmos.
Deste xeito, contribuirá a acadar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade conforme aos preceptos da economía circular.
O proxecto, liderado por SOGAMA, céntrase na introdución de sensores, visión artificial, intelixencia artificial e clasificadores robóticos. A idea é xerar e procesar datos sobre os materiais seleccionados para mellorar a toma de decisións e anticipar situacións no ciclo integral da xestión de residuos.
O CITIC, da man dos investigadores Carlos Vázquez Regueiro e Miguel Rodríguez Luaces, desempeña un papel clave no desenvolvemento dun software piloto común para ambas as plantas, adaptado ás necesidades específicas de cada unha. A plataforma de intelixencia artificial (IA) busca crear un Data Lake que almacene datos seleccionados e relevantes de ambas as plantas para a súa análise, adestrando así mellor o algoritmo e acadando mellores resultados. A recompilación de datos incluirá a limpeza e preparación da información, asegurando a privacidade e seguridade dos datos. Cada planta contará cun servidor para rexistrar e procesar internamente os datos dos sensores, compartindo a información procesada na plataforma conxunta. Este enfoque ten como obxectivo mellorar a toma de decisións en tempo real, optimizando os procesos e o mantemento das plantas de clasificación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.