Notas de prensa

Regresa o Ciclo de Cine e Lingua da UVigo cunha edición centrada en películas dirixidas por mulleres

Despois do parón pola pandemia, o Ciclo de Cine e Lingua regresa este outono cunha edición dedicada ás mulleres directoras. E farao nun novo escenario, ao trasladarse esta activdade do edificio Cambón á sede institucional da Universidade no Berbés. Deste xeito, e da man do Vicerreitoría de Extensión Universitaria, ao longo dos meses de novembro e decembro o edificio Redeiras acollerá as proxeccións de cinco películas en versión orixinal con subtítulos en español.

Co título Let's go to the Flicks!, as datas desta décimo terceira edición do Ciclo de Cine e Lingua serán os martes 14, 21 e 28 de novembro e 5 e o 12 de decembro, sempre ás 19.00 horas e da man de Keith Payne, poeta e traductor que fai residencias con escritores galegos e irlandeses e que se ocupará de presentar as cintas de de moderar o coloquio posterior. As películas elixidas son unha selección das que conforman o documental Women Make Film do cineasta e crítico de cine británico-irlandés Mark Cousins, que se estreou por primeira vez no Festival de Cine de Venecia en 2018. O documental orixinal, de máis de 14 horas de duración, comprende o traballo de 183 directoras de todo o mundo e ofrece, en palabras da académica Laura Mulvey, "unha oportunidade sen precedentes para gozar da visión cinematográfica das mulleres e reflexionar sobre a forma en que as mulleres viron e de feito fixeron o mundo a través do cine, unha fonte de asombro e de especulación!". Para esta nova edición do Ciclo de Cine e Lingua da Universidade de Vigo seleccionáronse cinco desas traballos, dirixidos por creadoras do Reino Unido, Estados Unidos, Alemaña e Irán.

A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

Cinco tardes de cine en versión orixinal

A primeira proxección, o vindeiro martes día 14, terá como protagonista a cinta de cine negro de 1953 de Ida Lupino, The Hitch-Hiker –a única película de noir clásico dirixido por unha muller–. O 21 proxectarase First Cow, dirixida en 2019 por Kelly Reichardt que narra a historia dun cociñeiro que viaxa ao Oeste para uniuse a un grupo de cazadores de peles en Oregón, onde só atopa unha verdadeira conexión cun inmigrante chinés que tamén busca a súa fortuna. O día 28 será a quenda de Ala & Alvi, dirixida por Cilio Barnard en 2021, unha oda á beleza das vidas desordeadas e imperfectas e á súa capacidade para converxer en momentos improbablemente perfectos.

Xa no mes de decembro, o día 5 o público poderá asistir á proxección de The miseducation of Cameron Post, cinta dirixida pola directora iraní-estadounidense Desiree Akhavan que rastrexa as dúbidas e os desafíos dunha adolescente enviada a un centro de conversión homosexual na Montana dos anos 90. O ciclo pecharase o 12 de decembro con Farewell to Europe, de Maria Schrader, cinta que narra os anos de exilio na vida do famoso escritor xudeu austríaco Stefan Zweig, a súa loita interior pola "actitude correcta" ante os acontecementos da Europa devastada pola guerra e a súa busca dun novo fogar.

Universidade de Vigo, 2023-11-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES