Notas de prensa

A Semana da Ciencia do IGFAE conmemora os 50 anos dun dos grandes fitos da física de partículas

A sexta edición da Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, terá o seu colofón o mércores 15 de novembro ás 20.00 horas, coa conferencia pública de Krishna Rajagopal, catedrático de Física Teórica do Massachussetts Institute of Technology (MIT). Rajagopal, discípulo do premio Nobel de Física 2004, Franz Wilczek, é un referente internacional no estudo da Cromodinámica Cuántica.

O relatorio desenvolverase no Auditorio Abanca (Rúa do Preguntoiro, 23). O investigador impartirá a conferencia ‘50 anos da liberdade dos quarks: da sopa do Big Bang aos protóns e viceversa’. Na súa intervención falará sobre a liberdade asintótica, a propiedade descuberta por Franz Wilczek, David Gross e David Politzer no ano 1973, que supuxo un dos fitos da física de partículas da segunda metade do século XX. Este avance foi unha contribución esencial para a aceptación da Cromodinámica Cuántica como a teoría que describe a forza nuclear e reforzar así o Modelo Estándar como a proposta que explica o universo microscópico ao nivel máis fundamental da materia.

Krishna Rajagopal naceu en Múnic (Alemaña), aínda que a súa familia mudouse a Toronto (Canadá) cando era moi novo. Graduouse en Física na Queen’s University de Ontario, e doutorouse en Princeton en 1993 baixo a dirección do premio Nobel Franz Wilczek. Despois de varias estadías en institucións como Harvard e Caltech, incorporouse á Facultade de Física do Massachussetts Institute of Technology no ano 1997, da que foi decano entre 2015 e 2017. Desde o ano 2004 é membro da American Physical Society.

A súa investigación céntrase no estudo do comportamento dos quarks en condicións extraordinarias, combinando vertentes diversas da física, como a cosmoloxía, a astrofísica, a teoría de cordas, a física de partículas ou a nuclear.

Programación

O desenvolvemento da sexta Semana da Ciencia do IGFAE dará comezo o xoves 9 de novembro ás 20.00 horas cun novo encontro do ciclo ‘Transfronteirizas, conversas de Arte e Ciencia’. O investigador do IGFAE Jose Edelstein departirá con Alan Sokal, físico estadounidense coñecido polo célebre ‘Escándalo Sokal’; no ano 1996, ‘troleou’ a unha revista de estudos culturais, Social Text, poñendo de manifesto a ausencia do necesario proceso de revisión por pares que seguen as publicacións científicas. A conversa poderá seguirse a través da canle de YouTube do IGFAE.

O programa da Semana da Ciencia continuará o venres 10, coa presentación dos traballos que participaron na primeira edición do proxecto MEDRA, promovido polo IGFAE. Alumnado de Bacharelato de varios centros educativos galegos realizou durante o curso 2022/2023 cadansúa experiencia investigadora en física de partículas, utilizando uns detectores portátiles desenvolvidos polo CERN. O acto servirá tamén para presentar a segunda edición de MEDRA, que se desenvolverá neste curso académico. O luns 13 de novembro anunciaranse os traballos gañadores da VI Edición do Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3, nas categorías de artigo divulgativo, vídeo divulgativo, fotografía e proxectos orixinais.

O martes 14, ás 20.30, A Nave de Vidán acollerá unha nova edición da NerdNite. Nesta ocasión, a sesión destas charlas divulgativas abordará o aniversario de dous fitos clave para comprender as interaccións fundamentais da natureza. Por unha banda, falarase dos 50 anos da proposta da liberdade asintótica (clave na comprensión da forza nuclear forte); e por outra, dos 40 anos do achado dos bosóns W e Z, partículas mediadoras da interacción nuclear feble, descubertos no CERN en 1983.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES