
Unha trintena de estudantes, titulados e profesionais da arqueoloxía formaranse ao longo desta semana no estudo das construcións históricas dende unha perspectiva interdisciplinar. Esta ten como eixe a arqueoloxía da arquitectura, o estudo deste tipo de edificacións tendo en conta tanto o que hai baixo a terra como os elementos construtivos e decorativos, combinada á súa vez con técnicas e disciplinas como a historia da arte, a documentación xeométrica ou as tecnoloxías xeoespaciais.
Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus e promovido coa colaboración da Universidade do Minho, a Deputación Provincial, o Museo de Pontevedra e a empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, o curso O estudo interdisciplinar das construcións históricas ten como directores ao profesor do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da UVigo Victoriano Nodar e á investigadora da Universidade do Minho Rebeca Blanco Rotea. Ambos foron os responsables de inaugurar este luns, xunto co responsable da intervención arqueolóxica, Rafael Rodríguez, un curso que parte da oportunidade incrible, como sinalou Nodar, de poder levarse a cabo o propio espazo "obxecto de estudo. Así, ao longo desta semana, combinaranse as sesións teóricas na igrexa do convento, cunha serie de prácticas no claustro, que permitirán ao alumnado facer de novo o mesmo percorrido realizado polo equipo interdisciplinar que estivo traballando no edificio antes da súa restauración, como engadiu Blanco. Deste xeito, esta formación busca formar profesionalmente ao alumnado na investigación e xestión do patrimonio construído, un campo, como lembrou Nodar, moi demandado actualmente nos proxectos de restauración e rehabilitación.
No marco deste curso, Santa Clara acolle esta tarde unha conferencia aberta ao público sobre arqueoloxía da arquitectura, a cargo do catedrático da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) Agustín Azkárate. Tras trece leccións teóricas e seis clases prácticas, o curso celebrará este venres, ás 13.30 horas, o seu acto de clausura, no que está prevista a participación do vicepresidente da Deputación Rafael Domínguez, da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e dunha representante da Universidade do Minho.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.