Notas de prensa

Máis de 400 estudantes sénior completaron a súa formación este curso nos tres campus galegos

Manterse activos, ampliar coñecementos, mellorar as capacidades intelectuais, atrasar o deterioro cognitivo, potenciar a vida social ... Son moitos os beneficios que ten a formación en idades sénior e mostra disto é a cantidade de estudantes de máis de 55 que cada ano se matriculan no Programa para Maiores da Universidade de Vigo. No curso que agora remata foron máis de 400 persoas e moitos deles continuarán formando parte desta iniciativa para o próximo curso.

As e os que remataron celebraron o pasado xoves o seu acto de graduación en Vigo, de igual xeito que o están a facer nas últimas semanas o resto de alumnados das titulacións de grao e mestrado.

O Programa para Maiores, que forma parte da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente, está aberto a persoas de 55 anos en diante que, por diferentes razóns, non puideran acceder á universidade no seu momento ou que, sendo xa titulados, queiran actualizar ou ampliar a súa formación. O programa completo comprende seis cursos divididos en dous ciclos: o intensivo universitario en cultura e sociedade, cunha carga docente de 60 créditos ECTS repartidos en catro cursos e o integrado universitario superior sénior, que consta doutros 36 créditos que se imparten ao longo de dous anos. Para matricularse no ciclo intensivo non é preciso contar con ningún tipo de estudos previos, mentres que para o integrado requírese ter completado previamente o ciclo intensivo ou ben contar cunha titulación universitaria.

En concreto, neste curso que agora remata foron 432 as persoas que decidiron apostar por esta experiencia de formación ao longo da vida, 368 delas matriculáronse no intensivo e 64 no integrado. No que se refire ao intensivo, Vigo foi o campus con máis alumnado, con 206 estudantes sénior, mentres que Ourense e Pontevedra tiveron 80 e 82, respectivamente. No que atinxe ao ciclo integrado, a diferencia entre campus e moito menos destacable, con 27 estudantes en Vigo, 20 en Ourense e 17 en Pontevedra.

Tanto para os que queiran continuar no programa o próximo curso como para os que se vaian iniciar nesta aventura por primeira vez, o prazo de inscrición está aberto dende hoxe luns e ata o día 14.

Seis anos para ampliar coñecementos e horizontes

O primeiro ciclo, o intensivo, de catro cursos de duración, está centrado na divulgación, análise e reflexión sobre aspectos de diferentes temas do eido científico, natural, social, cultural, etc. así como remas relacionados coa evolución e achegas da humanidade e a sociedade e a cultura actual e futura. A través das diferentes materias trátase de ir perfilando as diferentes orientacións temáticas que o alumnado deberá escoller no segundo ciclo, o integrado.

Ao longo destes primeiros catro cursos, que se poden facer completos ou por materias soltas, as e os estudantes tamén participan en actividades complementarias que proporcionan formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros e que facilitan as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais. A docencia neste ciclo impártese en Pontevedra na Escola de Enxeñaría Forestal; en Ourense no edificio administrativo e en Vigo na Escola de Enxeñería Industrial en Torrecedeira.

Unha vez rematado o ciclo intensivo as e os estudantes interesados poderán continuar a súa formación no integrado, ao que tamén poden acceder directamente aquelas persoas que conten cunha titulacións universitaria previa. Nesta programa poden participar dunha verdadeira experiencia interxeracional, xa que as materias que poden elixir forman parte da oferta académica dos graos, polo que os estudantes sénior comparten aulas, horarios e docentes co alumnado das titulacións oficiais da UVigo. Para este colectivo resérvanse unha serie de prazas específicas nas materias adheridas ao Programa para Maiores e a formación desenvólvese en igualdade de circunstancias agás a obrigatoriedade de participar nos procesos de avaliación dos estudos oficiais de grao.

Prezos e formalización da matrícula

De cara ao vindeiro curso, unha vez rematado o prazo de inscrición o vindeiro día 14, abrirase despois do verán o prazo para confirmar a matrícula. No caso do ciclo intensivo, o prazo de matrícula para o alumnado de novo ingreso é dende o 06 ata 11 de setembro de 2023 e para o alumnado matriculado en anos anteriores é do 12 ao 29 de setembro de 2023. No caso da matrícula no ciclo integrado, abrirase dende o 01 ata o 05 de setembro de 2023.

No que respecta ao custe económico desta formación, a matrícula do curso completo no ciclo intensivo, que comprende 15 créditos, ten un prezo de 105 €, mentres que se opta por matricularse en materias soltas o prezo destas é de 8 € por crédito. No ciclo integrado, o prezo por cada curso, con 18 créditos, é de 125 € e prezo das materias soltas será tamén de 8 €/crédito.

Universidade de Vigo, 2023-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES