Notas de prensa

A Real Academia Galega de Ciencias e a Xunta premian un proxecto dun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático do INIBIC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), deu a coñecer os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta novena edición recibíronse un total de 31 propostas para as tres categorías do certame.

O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e, como vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo, de Gain; Judit Nogueiras do Igape; e Alfredo Ramos da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 21 de xuño, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

Un fármaco contra o cancro de colon -o 25% son metastáticos-, que podería aplicarse a outros tipos de cancro

O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático, de científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderado por Angélica Figueroa.

Tal como destaca o equipo premiado, “a metástase do cancro é a principal causa de mortalidade por cancro e representa ao redor do 90% das mortes por cancro. Por tanto, a identificación de novos fármacos contra a metástase contribúe a reducir a mortalidade e a mellorar a saúde dos pacientes oncolóxicos, incidindo ademais na sustentabilidade dos sistemas de saúde”. Segundo os datos achegados polas investigadoras, o 25% dos cancros de colon son metastáticos e os estudos epidemiolóxicos prevén un aumento da incidencia para 2030.

“A maioría dos tumores malignos humanos son carcinomas, que xorden de transformacións de células epiteliais, que preparan ás células para migrar desde o tumor primario e iniciar e diseminar a metástase” -explican-. Nesta liña, traballan nunha diana terapéutica, denominada Hakai, unha proteína contra a que pretenden loitar baseándose na degradación de proteínas dirixida como unha das estratexias terapéuticas máis prometedoras para o descubrimento e desenvolvemento de fármacos en cancro.

“Actualmente estamos a desenvolver un fármaco deseñado especificamente contra Hakai co fin de inhibir a progresión e a metástase en humanos. Identificamos novos inhibidores de moléculas pequenas de Hakai e demostramos a inhibición da progresión tumoral e a metástase en estudos preclínicos, sen amosar toxicidade sistémica aparente” -indican-. Nestes intres o grupo avanza na selección dun fármaco candidato que poida pasar a fases posteriores de desenvolvemento preclínico regulatorio e ensaios clínicos. Ademais, aseguran que este fármaco podería desenvolverse para abordar outros tipos de carcinomas.

O Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) está composto polos grupos de Investigación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, da Universidade da Coruña e da Área de Atención Primaria da Coruña, coa finalidade de crear un marco de colaboración estable, que integre a investigación básica e clínica desenvolvida en Biomedicina, posibilitando unha transferencia á sociedade máis eficaz dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades.

Intelixencia Artificial para mellorar os procesos en empresas e organizacións

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, coordinado por Alberto Bugarín. Desenvolveu unha tecnoloxía en minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial, proceso que culminou coa creación da spin-off InVerbis Analytics.

“A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas” -explican-.

Desde InVerbis atoparon até o momento importantes zonas de mellora en diferentes procesos. Por exemplo, nunha empresa de control de tráfico aéreo analizaron os procesos de xestión de incidencias TIC; nun proceso de tratamento cardiolóxico constatouse que, tras a compra de equipamento para probas e a realización de pequenos cambios organizativos, o tempo que transcorría entre o ingreso do paciente e a aplicación do tratamento reduciuse un 23% nun ano, e o número de probas TAC realizadas aos mesmos incrementouse nun 39%; a análise dun subproceso de fabricación industrial de vehículos evidenciou a existencia de repeticións de actividade; nunha empresa de telecomunicacións logrouse reducir o tempo de xestión de incidencias dos clientes; entre outros logros.

Tecnoloxía para optimizar o desenvolvemento de novos fármacos

Por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo devandito grupo, baseada en lípidos non tóxicos e biodegradables para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. A finalidade desta tecnoloxía é mellorar a vida dos pacientes pero tamén se pode adaptar a moitas outras aplicacións como a nutracéutica e a cosmética.

A investigadora María de la Fuente, unha das fundadoras da empresa, explica que “coa nosa tecnoloxía patentada, emulsións lipídicas de tamaño nanométrico, podemos asociar de maneira eficiente novas moléculas e transportalas ao seu lugar de acción na súa forma terapeuticamente activa, para que poidan ser efectivas e así xerar novas oportunidades para o desenvolvemento de novos tratamentos”.

Universidade da Coruña (UDC), 2023-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES