Notas de prensa

Investigadores do CIM, Atlanttic e Cintecx participarán no festival de divulgación científica Pint of Science

Un ano máis o persoal investigador da Universidade de Vigo volve unirse á celebración do Pint of Science, o festival de divulgación científica que aposta por levar a ciencia e o coñecemento aos bares para achegalo á cidadanía. Ao longo de tres días, entre o 22 e o 24 deste mes, seis científicos e científicas da UVigo ofrecerán relatorios e obradoiros no bar Cañaveral arredor de temáticas diversas.

Esta iniciativa naceu en 2013 en Reino Unido e España uniuse a ela hai oito anos, espallando a ciencia e a experimentación por unha morea de cidades, ata convertese no segundo país con máis participación do mundo. Esta edición celebrarase nun total de 58 localidades españolas nas que se ofrecerán arredor de 500 charlas divididas en 300 eventos de entrada totalmente gratuíta que permitirán converter os bares e cafeterías en laboratorios que amosarán á clientela habitual e a todas as persoas interesadas os avances más recentes nestas temáticas. Nunha linguaxe comprensible e próxima, o persoal investigador máis punteiro do panorama nacional falará sobre proxectos das áreas máis variadas. Na cita viguesa participarán poñentes do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, Atlanttic; do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo e do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx.

Programa

O programa arrancará o luns 22 ás 20.00 horas cunha sesión dobre sobre átomos e galaxias. A primeira intervención será a de Jose Lorenzo Alonso Gómez, co Cintecx, que ofrecerá un relatorio titulado ¿Moléculas quirales para H2 verde? no que realizará un paseo polo mundo da quiralidade, as moléculas quirais e como estas poden facilitar a obtención de H2 verde. A segunda en intervir será Sara Núñez Sánchez, investigadora da Universidade de Vigo e da Universidade do Minho, que explicará “como podemos inspirarnos na física cuántica da fotosíntese para o desenvolvemento de tecnoloxías fotónicas e de captura de enerxía máis eficientes”.

O día 23 o leiv motiv da xornada será a tecnoloxía. Arrancará ás 20.00 horas coa directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora de Atlanttic Rebeca Díaz Redondo, que se centrará nos nesgos da intelixencia artificial e explicará dun xeito sinxelo como traballan os algoritmos de aprendizaxe supervisados e como o proceso de adestramento é esencial para que o resultado non teña eses nesgos, por exemplo de sexo ou raza, e funcione correctamente. Traz Díaz intervirá o tamén investigador de Atlanttic Felipe Gómez Cuba, cun relatorio titulado Chocolate, wifi e buracos negros no explicará como as ondas electromagnéticas están presentes en moitos aspectos da vida cotiá, “desde a luz que vemos ás ondas das redes de comunicacións dixitais”. As persoas asistentes poderán ver como se pode fabricar unha antena de wifi empregando unha lata de Nesquick, entenderán por que os routers wifi máis modernos teñen múltiples antenas ou como como se aplicaron os mesmos principios para tomar a famosa foto dun buraco negro acadada polo equipo Event Horizon Telescope Collaboration.

A derradeira xornada, o día 24 comprenderá dous relatorios centrados no planeta Terra. O primeiro será impartido polo director do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, Daniel Rey, que explicará que o campo magnético da Terra, ao igual que o campo gravitatorio, é unha das forzas fundamentais do planeta e ambos xogan un importante papel na natureza e ten aplicación na comunicación e a navegación, ademais de ser responsable das auroras boreais. Explicará o científico como o campo magnético é tamén empregado polos seres humanos para a navegación e orientación tamén é o usado por animais, como aves, tartarugas ou cetáceos durante as súas migracións. Pechará a xornada a profesora e investigadora do CIM-UVigo Paloma Morán, que falará sobre o salmón, os principais desafíos que enfronta a súa conservación e as medidas que se están poñendo en marcha para protexelo e asegurar a supervivencia desta especie.

Dez anos de Pint of Science, que chega a 26 países

Este ano cómprese unha década dende que en 2013 os investigadores Michael Mostkin e Praveen Paulin iniciaron esta proposta divulgativa cando organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de mostrar a investigación que realizaban ás persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Ante a gran repercusión que obtiveron, decidiron inverter o proceso e, en lugar de levar a cidadanía aos laboratorios, levarlle a ciencia á cidadanía, en concreto aos bares. Dez anos despois Pint of Science celébrase arredor de todo o mundo e nesta edición chegará a 26 países.

Universidade de Vigo, 2023-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES