Notas de prensa

O Galician Freaky Film Festival convoca o concurso de banda deseñada Neo-Vigo

O certame de cinema e cultura underground Galician Freaky Film Festival lanza o seu primeiro concurso de banda deseñada. Tomando como referencia Neo-Tokyo, a cidade futurista na que ten lugar Akira, o filme homenaxeado este ano; os traballos presentados deberán estar ambientados en Neo-Vigo. Este Vigo ulterior, distópico e futurista deberá estar presente en todas as obras presentadas.

O prazo de recepción de traballos ábrese o 13 de abril e péchase o 3 de xullo ás 24 h. Pódense presentar obras tanto en galego como en castelán, de entre dúas e catro páxinas, en cor ou branco e negro e sen máximo de autores por obra. Este concurso creativo está restrinxido a traballos autoconclusivos e inéditos, nos que tanto a historia como os personaxes non foran publicados con anterioridade.

Os gañadores serán elixidos por un xurado composto por tres profesionais do mundo do cómic que elixirán os tres traballos que retraten con máis orixinalidade e calidade o Vigo do futuro. Outorgarán un primeiro premio, que recibirá 300 €, e dous finalistas, que recibirán 100 €. Ademais, tanto os tres traballos premiados como outros que a organización considere de interese serán incluídos nun libro producido polo GFFF.

Os membros do xurado especializado son Fernando Llor, guionista de cómics desde 2014 con máis de 15 traballos publicados en España, Estados Unidos, Francia e Portugal, gañador do Premio a Mejor Guionista Español en los Premios José Sanchis Grau (en 2019) e profesor de guión; Melo, dono da libraría viguesa especializada en cómic Banda Deseñada; e Alicia Jaraba, guionista e ilustradora viguesa que traballa no mercado francés, autora de Soy La Malinche e a serie Les detectives du surnaturel.

35 aniversario de Akira

A sétima edición do GFFF terá como filme homanaxeado Akira que este ano fai 35 anos. Esta película de animación chea de acción sitúase en Neo-Tokio en 2019, despois de que a capital xaponesa fose devastada pola Terceira Guerra Mundial. Un escenario postapocalíptico no que os protagonistas, unha cuadrilla de moteiros bōsōzoku, será víctima de experimentos gubernamentais para controlar as súas mentes.

A peza, baseada no cómic homónimo do propio director, Katsuhiro Ōtomo, é un filme de culto para os amantes do manga e o anime dentro e fóra de Xapón. Foi un dos primeiros referentes da animación dentro do movemento ciberpunk, unha rama da ciencia ficción que retrata sociedades distópicas cun baixo nivel de vida e unha tecnoloxía avanzada, nas que abundan as grandes corporacións e o uso de intelixencias artificiais.

O Galician Freaky Film Festival quere render homenaxe a este símbolo do frikismo nipón e está a organizar unha edición na que se poderán visionar varios filmes emblemáticos deste país e na que o cómic e o anime terán moito protagonismo nas actividades paralelas.

Galician Freaky Film Festival, 2023-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES