Notas de prensa

A Miteu celebra as súas vodas de prata cunha mostra dedicada en exclusiva ao teatro universitario galego

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, celebra este ano as súas vodas de prata, 25 anos de representacións que, ano tras ano, achegan ao público galego os traballos das aulas teatrais de universidades dos cinco continentes. A nova edición arranca o vindeiro mércores día 29 ás 18.30 horas no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e estará dedicada en exclusiva ao teatro universitario galego.

As representacións prolongaranse ata maio, serán en total seis espectáculos cos que pór en valor o traballo que se leva a cabo ao longo de todo o curso nas aulas e obradoiros de teatro das universidades do SUG, canteira de actores e actrices do escenario cultural galego.

“Desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria sentimos orgullo pola Miteu e a súa continuidade no espazo e no tempo”, subliña a vicerreitora Susana Reboreda. “No espazo, porque é unha actividade que se realiza nos tres campus da Universidade de Vigo e, no tempo, porque con esta edición se cumpren os 25 anos”, recalca a vicerreitora, quen subliña que o desexo para o futuro é que manteña o mesmo éxito que ata de agora ou mesmo que o incremente. “Consideramos que a dinámica que se establece para a consecución das representación é a idónea, xa que durante os respectivos obradoiros-aulas de teatro, con coherencia e tesón, as persoas inscritas vanse configurando nun grupo cohesionado cun obxectivo común que cristaliza, precisamente, na representación teatral”, recalca a vicerreitora, ao que engade que a mostra demostra “a boa saúde” da que goza esta actividade. “Unha satisfacción máis é a boa acollida que ten na sociedade, en xeral, e na nosa comunidade, en particular”, apunta Reboreda.

Esta 25 edición será a primeira vez que a mostra se celebre exclusivamente en galego. Se ben inicialmente estaba previsto a participación dun grupo francés, problemas de última hora relacionados coas folgas que se están a vivir neste país obrigaron a cancelar a súa participación. A internacionalidade viuse pois truncada por esta situación, xa que con tan pouco tempo ao equipo de organización foille imposible traer outro grupo internacional, polo que esta 25 edición se converteu de xeito inesperado nunha particular homenaxe ao teatro universitario galego.

Media ducia de representacións de marzo a maio

Na actualidade a mostra está consolidada no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e, no canto de concentrarse nuns días, como se facía nos seus inicios, as representacións espállanse ao longo dous meses, de marzo a maio, case sempre en mércores ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño. A programación arranca o vindeiro mércores coa obra Rebentadas, da ESADG, a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, “estudantes de teatro aos que, por suposto, sempre convidamos a estar”, explica o actor e director teatral Salvador del Río, responsable da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra e integrante da compañía Teatro Ningures, que coorganiza a mostra xunto coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Neste caso a ESADG acude cunha obra dirixida por Julia Canay na que se tece unha historia que irá desvelando o nexo de unión entre unha violación nun hotel de Leeds, un partido de fútbol no que choven botellas e a limpeza étnica na cidade de Srebrenica, en Bosnia.

Tras o parón pola Semana Santa, as representacións continuarán o mércores 12 de abril, neste caso da man do grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitario de Ourense, que, baixo a dirección do dramaturgo Fernando Dacosta, representará a obra As cidades agochadas, unha viaxe por cidades “da memoria, do desexo, da morte, do poder…”. O día 19 será a quenda da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela que, neste caso, porá en escena Observacións sobre a felicidade, unha obra colectiva dirixida por Roberto Salgueiro na que se fala sobre a felicidade, tratando de definila, intentando desentrañar os seus mecanismos…

A última semana de abril contarase con dobre representación. O mércores 26 intervirá a Aula de Teatro do Campus de Pontevedra que, baixo a dirección de Salvador del Río, porá en escena Intermitencias, unha peza na que se contan diferentes historias que tanto poden ter que ver directamente co universo teatral como coa desesperación de dous figurantes que agardan polo seu Godot particular… Ao día seguinte, o xoves 27, intervirá a aula de teatro do campus de Lugo con Eréndida é Aríndere, dirixida por Andrea González, “unha dramaturxia en trenza de dúas mulleres, dúas historias e o vento da desgraza”.

Os anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, serán os encargados de baixar o pano desta XXV edición da Miteu. Farano baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, coa representación da obra Incendios, na que se fala de tres incendios vitais: o de Nawal (nai), que pon ao espectador diante dunha vida agochada; o de Jeanne (filla), capaz de descadrar a vida cómoda nun polígono vital e familiar de suposta seguridade, e o de Simón, cunha vida que tamén arrastra múltiples inseguridades.

25 anos de teatro con compañías dos cinco continentes

Nestes 25 anos de Miteu pasaron pola mostra compañías dos cinco continentes. “Desde o principio organizouse en colaboración co campus de Ourense, eles tiñan axudas que lles permitían traer grupos doutros países e, unha vez que estaban aquí, aproveitabamos para traelos tamén a Vigo ou, no seu momento, a Pontevedra”, apunta Salvador del Río, quen explica que nestes anos viñeron grupos de América, Ãfrica e mesmo Australia, o que fai da mostra “algo moi ecléctico”, salienta o actor, un dos impulsores da mostra xunto ás actrices Casilda Alfaro e Pepa Barreiro, docentes tamén dos obradoiros de teatro da Universidade de Vigo.

“Orixinariamente a Miteu naceu cun formato máis clásico, eran sete ou oito días seguidos de actuacións en diferentes espazos, tanto nos salóns de actos das escolas e facultades como noutros lugares da cidade, coma o Teatro García Barbón ou o concello”, explica Del Río. Desde o seu punto de vista, “estes 25 anos da mostra serviron tamén para que o teatro universitario galego teña moito nivel”, destaca Del Río, quen gaba a calidade dos grupos universitarios galegos, sobre todo, os de Ourense e Santiago, “xa moi consolidados e que xiran por toda España; pero tampouco quero esquecerme da de Vigo, que leva 25 anos facendo teatro de xeito ininterrompido, nin da de Pontevedra, que hai un par de anos que volveu iniciar o seu percorrido”.

Como desexo para o futuro desde o equipo de organización da Miteu téñeno claro. “Que siga esa comuñón co público, non só co universitario senón co público en xeral. Falamos de teatro universitario, feito por estudantes, das máis variadas disciplinas, unidos por este lugar común, o teatro”, conclúe Del Río.

Universidade de Vigo, 2023-03-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (coralinda-elefante-elegante.jpg) Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Notas

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news'.
A Ãrea de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES