Notas de prensa

Ortiga e Dani, dobre aposta pola música feita en Galicia no Sonora `2.3

Ortiga e Dani, nomes artísticos de Manuel González, alias Chicho, e Daniela Díaz Costas, conforman o cartel de Sonora `2.3, o festival das novas músicas da UVigo que se celebrará o 13 de abril a partir das 17.30 horas no teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria do campus vigués. Dani será a primeira en subir ao escenario do Vidal Bolaño a partir das 17.30 horas, mentres que Ortiga comezará a súa actuación unha hora máis tarde. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade do teatro.

“Partindo da base de que unha das características de Sonora é presentar unha programación variada, con diferentes perfís, neste caso a Vicerreitoría de Extensión aposta por dous intérpretes galegos, Ortiga e Dani, porque desexamos impulsar e recoñecer o talento da nosa comunidade”, explica da vicerreitora Susana Reboreda Morillo, que considera que as artes galegas, en xeral, e a música en particular, “están nunha fase de esplendor e de expansión, máis importante se cabe, porque vén da man de artistas xoves que a través do seu traballo recoñecen a importancia da nosa lingua”.

Dani será a primeira en subir ao escenario do Vidal Bolaño a partir das 17.30 horas, mentres que Ortiga comezará a súa actuación unha hora máis tarde. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade do teatro.

Posdata, o novo traballo de Dani

No seu regreso á Universidade de Vigo, na que foi alumna do Grao de Publicidade e Comunicación Audiovisual no campus de Pontevedra, Dani presentará o seu novo traballo Posdata, que serve de continuación ao de debut Veinte, que publicou en 2022, cando tiña 19 anos.

En Posdata Dani, continuadora da tradición musical viguesa, herdada da súa nai, Rosa Costas, membro de Aerolíneas Federales e do seu tío, Miguel Costas, integrante de Siniestro Total, presenta unha radiografía sentimental dos seus dous últimos anos e medio, e no que o desamor funciona como detonador dun empoderamento que serve de fío común nos dez temas que conforman o disco. Como “un disco con moitos salseos” define a propia Dani o seu novo traballo, que inclúe temas como No te voy a mentir, que simboliza o inicio dunha nova etapa na que se foi a vivir a Madrid ou Ceras rosas, nacida dun sentimento de carencia de conexión con ela mesma.

Neste novo traballo, a viguesa volve estar acompañada por Aaron Rux como coautor e produtor, salvo nos temas Nubes, producida por Juan Izquierdo e Códigos, asinada por InnerCut.

A combinación do espírito verbeneiro cos ritmos latinos de Ortiga

Ortiga será o encargado de encher a partir das 18.30 o Vidal Bolaño coa súa particular visión musical, na que conviven o espírito das verbenas cos ritmos latinos. Fusión de cumbia, merengue, bachata e autotune foi o que o músico santiagués despregou no seu primeiro traballo Chicho & sus chichas, logo da disolución de Esteban & Manuel, o dúo do que formou parte entre os anos 2017 e 2018 e no que creou o estilo denominado cumbiatune e psicocumbia e tamén da súa participación en Boyanka Kostova.

Sabes el camino que elegí foi o segundo traballo de Ortiga, no que músico seguiu a fusionar os sons latinoamericanos co espírito galego. Da man de Ernie Records, o traballo de Ortiga, que toma os eu nome dunha pintada que hai en Ourense, diante do Pueblo Café Cultural, adéntrase no merengue e nos ritmos latinos, a salsa e o funk. “Creo que é un album máis complexo, tanto nas letras como en música”, sinala o músico sobre Sabes el camino que elegí, un traballo que Ortiga foi quen de simultanear coas súas colaboracións co cantante Pili Pampín. Eu chorar chorei foi o primeiro éxito deste particular dúo, que a principios deste ano lanzou un remix de O galo, mesturando sons techno e guaracha coa música tradicional galega e que se publicou a modo de aperitivo do novo traballo no que ambos están a traballar desde hai un ano.

Unha mostra das diversas facetas da cultura

Coa celebración do festival Sonora a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo pretende amosar, segundo Susana Reboreda, “as diversas facetas da cultura e manifesta o noso respecto de apoio a través da organización de actividades en diferentes eidos dirixidos á comunidade universitaria e á sociedade”. Para a vicerreitora, Sonora “ensalza a música como factor de encontro entre o público que é chamado a acudir ao campus de Vigo para pasar un rato de ocio e divertimento”.

Universidade de Vigo, 2023-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES