Notas de prensa

Unha curta nacida na UVigo formará parte da programación do Festival de Cannes

Dirixida polo egresado Miguel Gómez Abad, Cando o tempo acabe é unha curtametraxe de ciencia ficción nacida como traballo de fin de grao (TFG) de varios estudantes da Facultade de Comunicación, que formará parte das programacións tanto do Festival Internacional de Cine de Málaga como dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes.

Farao tras ser un dos traballos seleccionados polo Instituto da Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), organismo adscrito ao Ministerio de Cultura y Deporte, para o programa 2cool4school, que reúne unha escolma de curtametraxes realizadas por estudantado de universidades e escolas de cinema de toda España.

A súa selección para a terceira edición desta iniciativa permitiu, en primeiro termo, que Cando o tempo acabe sexa unha das 60 obras que integran a programación do Málaga Short Corner, unha das actividades incluídas do Spanish Screening Content, unha programación impulsada pola área de industria do Festival de Málaga, Mafiz, que se presenta como unha plataforma internacional de promoción do audiovisual español. Do mesmo xeito, as obras incluídas en 2cool4school formarán parte en maio da programación do ICAA no Short Film Corner, o espazo dedicado ás curtametraxes do Festival de Cannes. Isto posibilitará tamén que a curtametraxe nacida na Facultade de Comunicación forme parte dun catálogo ao que teñen acceso unha serie de profesionais, como programadores e directores de festivais de todo o mundo, nun espazo que complementa á sección oficial e á Quincena dos Realizadores de Cannes. “Non é unha sección oficial nin competitiva, senón algo complementario ás seccións principais, pero para nós supón un bo golpe de visibilidade”, sinala Goméz Abad, que lembra que a inclusión do seu traballo nesta videoteca posibilitará que “profesionais do sector vexan a curta e poidan poñerse en contacto con nós”.

Málaga, primeira parada

Impulsado por primeira vez no 2021, cando unha das curtametraxes escollidas foi El Viaje, da por aquel entón alumna de Belas Artes Claudia Pineda, 2cool4school é un programa promovido polo ICAA co obxectivo de promocionar o talento emerxente. Na súa terceira edición, esta iniciativa asóciase ao Málaga Short Corner de Mafiz e ao proxecto Spanish Screenings, que se enmarca no Plan de Recuperación, Trasformación y Resiliencia, e conta tamén co apoio do ICEX España Exportaciones e Inversiones, entidade pública empresarial do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo. Deste xeito, 2cool4school levará os traballos de fin de estudos seleccionados tanto a 76 edición do Festival de Cannes, que terá lugar en maio, como ao Festival de Málaga, que inaugurou este sábado a súa 26 edición.

De feito, Cando o tempo acabe proxectarase este martes, xunto a outros traballos incluídos en 2cool4school, nunha das actividades do Spanish Screening Content, no marco do que implúsase por primeira vez o Málaga Short Corner, co obxectivo de pór en valor “o novo talento español”. Faino a través dunha selección de curtametraxes de diferentes xéneros, que se presentan entre este luns 13 e o mércores 15, nunha programación na que a curta estará representada por un dos seus actores, Markus de Castriz. O Málaga Short Corner contará nese senso coa participación de profesionais, distribuidoras, compradores e festivais internacionais de diferentes países, que participarán xunto aos equipos responsables das curtas e os acreditados en Mafiz nunha serie de mesas redondas.

Un espazo no que adquirir visibilidade

A participación da curta tanto en Málaga como en Cannes posibilitará que este traballo poida chegar “a profesionais desta industria, produtores, programadores ou xente do sector”, lembra Gómez Abad. De aí que, alén do propio feito de poder “participar en dous festivais non notable prestixio internacional”, este titulado en Comunicación Audiovisual poña o foco na importancia destes espazos como un “lugar de visualización” que pode axudarlles a “colocar a curta en mercados e outros festivais aos que nos sería moi complexo chegar pola súa propia iniciativa”. De aí que este titulado en Comunicación Audiovisual poña o foco no “gran valor” desta “dobre selección” que, como explica, xurdiu a raíz de que presentasen o seu traballo ao Málaga Short Corner.

Unha curta nacida nas aulas

Como explica Gómez Abad, o proxecto que rematou converténdose en Cando o tempo acabe arrancou en 2020 e inicialmente ía constituír o seu traballo final no Grao en Comunicación Audiovisual. Mais a pandemia da covid-19 obrigou a adiar a rodaxe, de tal xeito que o TFG que defendeu en 2021 rematou sendo o guión e a produción dunha curtametraxe que non se rodaría ata marzo de 2022. Gravada na cara norte de Manzaneda, nun espazo “inhóspito”, recoñece, trátase dun filme que fai uso da ciencia ficción coa idea de “falar de problemas actuais, como é neste caso o cambio climático, ou de temas máis introspectivos, como poder ser a soidade”. Cando o tempo acabe é nese senso unha obra “distópica”, na que a protagonista, Elba, unha brillante científica, busca “resolver un erro do pasado a calquera costa”, nun “mundo devorado por unha crise climática”.

Seguindo esa idea, a curta outorga un protagonismo especial á propia atmosfera, co propósito de que esta achegase “unha serie de sensacións ao espectador” nunha obra que permite “bastantes lecturas”, como recoñece o seu director. Ese obxectivo centrou, así mesmo, o traballo desenvolvido tanto no son como na fotografía, dous aspectos que, de feito, centraron os TFG que o pasado curso defendían na facultade o director de fotografía e cor, Jorge Díaz, e o responsable da banda sonora e son da curta, Juan Garrido.

Estreada en outubro no Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, Cando o tempo acabe era recoñecida en decembro co premio á mellor curta do pasado curso da Máster Class Audiovisual Galego, Agual, que a Facultade de Comunicación promove xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nestes meses, este traballo foi así mesmo seleccionado para o Riocce Fright Nighy Film Festival de Río de Xaneiro e para a Mostra de Curtametraxes de Ferrol, así como para “un importante festival de ciencia ficción” en Francia, o Intergalactiques de Lyon, que se desenvolverá en abril.

Universidade de Vigo, 2023-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela. O comportamento do mes pasado estivo marcado no conxunto da Comunidade polas altas temperaturas, moi por riba do habitual nesta época do ano, e por varios episodios de calor que se sucederon ao longo das catro semanas. A explicación estivo fundamentalmente no predominio das xornadas anticiclónicas.

Notas

A Coruña converterase do 21 ao 23 de outubro nun punto de encontro de referencia para o debate sobre a transformación dixital da Xustiza coa celebración da quinta edición do DATAfórum Justicia 2026. O encontro reunirá máis de 180 especialistas e máis dun milleiro de asistentes para analizar o impacto das novas tecnoloxías, dos datos e da intelixencia artificial no presente e no futuro do sistema xudicial.
Na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, o avances no sector aeronáutico e aeroespacial teñen impacto en moi diferentes sectores, desde o uso de drons para optimizar a agricultura ata a monitorización de incendios. Co obxectivo de afondar en como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos actuais, o campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do VI Congreso Internacional do Campus Auga.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES