
O obxectivo xeral de AF4EU é a promoción de prácticas agroforestais óptimas a través do desenvolvemento dunha rede amplia e interactiva, impulsada pola innovación e que responda aos intereses de todos os axentes implicados. Esta rede ou plataforma internacional colaborativa basearase no intercambio de experiencias prácticas exitosas e coñecementos de investigación existentes. Os distintos axentes poderán estar conectados a través de Ferramentas TIC, con especial atención ao desenvolvemento e implementación de novas prácticas rendibles, modelos de negocio e servizos..., nos que se contempla toda a cadea alimentaria, na que se inclúen os consumidores.
A catedrática da USC e coordinadora deste proxecto europeo, Rosa Mosquera, reiterou este xoves diante dos preto de 30 participantes reunidos no edificio Cactus do Campus de Lugo, que a pretensión última do programa AF4EU pasa por promover e ampliar o frutífero sistema e metodoloxía establecidos no marco do proxecto H2020 AFINET. Daquela, engadiu Mosquera, este novo proxecto internacional permitirá recoller o coñecemento e boas prácticas existentes en distintas rexións bioxeográficas de Europa para poñelas a disposición dos usuarios finais coma agricultores, silvicultores, asesores e lexisladores a través de vídeos, fichas e outro tipo de formatos facilmente comprensibles.
Para facilitar o intercambio de coñecemento, as 11 Redes Rexionais de Innovación en Sistemas Agroforestais (RAINs) de 10 países europeos implicadas nesta iniciativa, formaranse co obxecto de incluír agricultores, investigadores, técnicos, asociacións profesionais, pequenas e medianas empresas (PEMES), consultores e administracións. As RAINs, subliña Rosa Mosquera, permitirán identificar as problemáticas asociadas aos sistemas agroforestais e intercambiar potenciais solucións e información, que, a través das redes temáticas, permitirán dar resposta a necesidades reais.
Alén de actuar como coordinadora xeral do proxecto AF4EU, cuxo prazo de execución se prolongará durante 36 meses, a ata finais de 2025, a tamén investigadora do grupo Sistemas Silvopastorais (Silvopast) da EPS de Enxeñaría da USC, tamén liderará en Galicia a Rede Rexional de Innovación en Sistemas Agroforestais na que participa de xeito activo a cooperativa A Carqueixa, con sede nos Ancares de Lugo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.