Notas de prensa

A Cidade das TIC contará co maior estudo audiovisual virtual de España

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou onte na Cidade das TIC da Coruña no acto de presentación dos primeiros avances do que será o maior estudio audiovisual virtual de España xunto con María González Veracruz, secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Inés Rey, alcaldesa da Coruña, Julio Abalde, reitor da UDC, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual de Galicia.

Valentín González Formoso asegurou que este estudio audiovisual virtual será “o primeiro gran proxecto audiovisual que se fará realidade na Cidade das TIC, a principios de 2024”.

O novo estudio audiovisual virtual xa ten ubicación concreta: vaise executar na parcela 19 da Zona 02 Cidade das TIC, nunha nave de nova construción que contará cunha superficie construída de 1.600 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar dedicados a albergar un plató inmersivo con tecnoloxía pioneira en Europa que permitirá para recrear dixitalmente calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar un gran estudo virtual inmersivo de máis de 20 metros de ancho e oito metros de altura, configurado por 758 paneis LED de alta resolución.

Formoso detallou que este estudio permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos. “As produtoras audiovisuais “poderán recrear o deserto do Gobi, o polo norte ou a quinta avenida de Nova York sen saír da Coruña”, explicou o presidente.

Segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, o proxecto suporá un investimento de case oito millóns de euros, dos que cinco millóns estarán financiados a través dos Fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e arredor de tres millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.

O presidente apuntou tamén que o proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan “España, Hub audiovisual de Europa”, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.

“A idea de ubicar este espazo na Cidade das TIC da Coruña nace co obxectivo de crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderá atoparse nun futuro próximo boa parte do talento dixital de Galicia”, afirmou Formoso, que remarcou que a Deputación “xa está a traballar, de forma dilixente, xunto co Clúster do Audiovisual Galego no deseño da infraestrutura, na licitación das obras da nova nave, e na xestión do propio espazo, porque é fundamental acertar en todas as fases do proceso”.

González Veracruz destaca a “exemplaridade” do proxecto

A secretaria de Estado, María González Veracuz, resaltou a “exemplaridade do modelo de actuación para sacar adiante a idea, que nace desde abaixo, a través da forza dun tecido empresarial moi potente, pasando polo liderado da Universidade e finalizando coa execución exemplar das políticas públicas a través da coordinación entre as diferentes administracións e da colaboración público-privada”.

González Veracruz considerou que o Plan España, Hub Audiovisual de Europa é “pioneiro” e contribuirá a apoiar e promocionar o talento existente no sector e a incrementar ata nun 30% o número de producións audiovisuais do noso país.

“Os fondos Next Generation son unha oportunidade única que este país está xestionando de forma exemplar. Están aquí en Galicia en termos de conectividade de banda ancha, de despregamento do 5G e de proxectos coma este, destinados a impulsar o sector audiovisual”, afirmou a secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

Inés Rey quixo destacar que “despois do nomeamento da Coruña como sede de AESIA, esta nova instalación sitúa a nosa cidade como polo tecnolóxico a nivel nacional” e subliñou que “todo isto demostra o noso potencial á hora de acoller proxectos e eventos dentro deste sector”.

Segundo apunta Jorge Algora, “esta aposta é apoiada por todo o sector e permitirá que o audiovisual galego se consolide e sexa diferencial a nivel nacional e internacional, obtendo unha maior reputación e atraendo talento de moitas zonas xeográficas”.

Pola súa banda o reitor da UDC, Julio Abalde, celebrou “o éxito deste proxecto, posto que a nosa universidade dispón das titulacións indicadas para formar aos potenciais usuarios destas instalacións”. Neste sentido, a UDC ofrece os graos en Comunicación Audiovisual; e Creación Dixital, Animación e Videoxogos e os másteres en Produción Xornalística e Audiovisual e en Deseño, Desevolvemento e Comercialización de Videoxogos. Abalde engadiu que “grazas a este Hub audiovisual conseguirase dar o impulso necesario para darlle un futuro a todo ese talento crecente no eido audiovisual” que desde a UDC contribúen a formar.

Universidade da Coruña, 2023-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES