Ao longo de dez sesións, profesorado de distintas universidades españolas, especialistas nas respectivas materias tratadas, analizarán os seus principais contidos.
A iniciativa, que celebra a súa segunda edición, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola propia Laura Movilla. Concretamente, o curso agora lanzado, do que se celebrarán en total tres edicións en anos consecutivos (2022, 2023 e 2024), constitúe a actividade formativa principal ofrecida por este módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico. As iniciativas desenvolvidas neste Módulo Jean Monnet comparten o mesmo obxectivo de dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea e as súas principais estratexias temáticas.
O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019, explican desde a organización da actividade, representa unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos. Tamén pretende, engaden, protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente. Esta transición debe ser, ademais, xusta e inclusiva, afirma Laura Movilla, que lembra como esta estratexia está en evolución e non resulta allea ao impacto da pandemia da covid-19 ou ao conflito en Ucraína.
Modalidade presencial e en liña
En total serán dez as sesións que se desenvolverán desde o 24 de febreiro ata o 5 de maio nesta acción formativa Jean Monnet. Comezarán con sendas introducións á axenda global de medio ambiente e a sustentabilidade e á política e o dereito ambiental da Unión Europea. A programación seguirá abordando cuestións como o Pacto Verde Europeo, a política de augas da UE e a paisaxe; a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario e as enerxías limpas e mobilidade, construción e renovación sostibles. Tamén haberá tempo para achegarse a este pacto en relación coa política marítima integrada da UE; ao reto dunha UE climaticamente neutra en 2050 e a loita contra a contaminación e fomento da economía circular. As e os inscritos tamén terán a oportunidade de abordar desde diferentes disciplinas a este documento e o papel da UE como líder ambiental global.
As conferencias correrán a cargo de especialistas de diferentes disciplinas (principalmente de diversas áreas do dereito pero tamén da economía, a historia e a ecoloxía), procedentes das universidades de Vigo (Laura Movilla, Roberto O. Bustillo, Annina Burgin, Belén Sánchez, Luís Domínguez, Emilio Fernández e Alberto Vaquero); Murcia (Teresa M. Navarro); Valladolid (Sara García); e Barcelona (Mar Campins).
Aínda que aberta ao público interesado, a formación está especialmente dirixida a alumnado da Universidade de Vigo, sendo de especial interese para o alumnado das titulacións de Dereito, Relacións Internacionais e Ciencias Ambientais e profesionais do ámbito xurídico e ambiental. Como novidade nesta segunda edición, mantense a modalidade presencial (obrigatoria para o alumnado do campus de Ourense) na Facultade de Dereito pero ponse en marcha tamén a modalidade en liña a través do Campus Remoto da UVigo, posibilidade aberta ao público xeral. O prazo de inscrición, que é de balde, está aberta ata o 22 de febreiro, estando o número de prazas limitado a 45 para cada modalidade (que se cubrirán por orde de inscrición).
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.