
4000 estudantes de toda Galicia participaron nas cinco primeiras edicións do concurso, que este ano estreará as modalidades BE-ROBOT e DeMO-ROBOT, que substitúen as tradicionais WALL-e e R2D2, ademais de contar cun kit moi mellorado, o mBot 2, respecto aos de anteriores edicións, que achega máis posibilidades ás e aos participantes, que tamén disporán dalgunhas actividades para desenvolver nos centros de ensino. Á marxe do kit, ao meu entender, o máis destacable é que o concurso contará con novas probas, que esperamos esperten o interese dos participantes. A verdade é que se estivo a traballar nas probas para intentar que estas respondan á situación actual, onde temos constancia de que os rapaces e rapazas están mellor preparados que en edicións anteriores e así poidan poñer a proba as súas destrezas, explica o director da EEI, Juan Pardo Froján.
Segue a liña marchoso e Velódromo mareante son as dúas probas que terá que enfrontar o alumnado de ESO e Bacharelato que competirá, en equipos de entre catro e seis compoñentes, na categoría BE Robot, na que terán que, no primeiro caso, dar unha volta completa a un circuíto marcado no chan o máis rápido posible, evitando todos os obstáculos e, no segundo, completar o número de voltas no menor tempo posible a un recinto circular, no que tamén deberán sortear obstáculos formados por cilindros, situados nos extremos dos diámetros perpendiculares. Pola súa banda o alumnado universitario e de FP, que participará na categoría DeMO-ROBOT en equipos cun máximo de seis integrantes, deberá facer fronte a catro probas: rastrexo, labirinto e triplo ensaio con illa, todas elas individuais, e a unha proba colectiva denominada sumo na que un único robot aspira a quedarse no ring.
Os equipos que desexen participar na competición de robots teñen de prazo ata o 30 de xaneiro para inscribirse, para o que deberán cubrir un formulario que atoparán na web da Escola. As prazas están limitadas a 156 equipos na categoría Be Robot, cun límite de 10 equipos por centros. Sinceramente, despois de tres anos de parón na actividade é moi difícil saber cal vai ser a resposta por parte dos centros. No que puidemos pulsar, pensamos que será ben acollida e se nos baseamos na última edición, a participación debería ser alta, sinala o director da EEI.
O compromiso de recuperar un concurso convertido nun referente
Nacido hai oito anos, co obxectivo de achegar a Universidade ao alumnado de ensino secundario e Bacharelato, ademais de promocionar as titulacións da Escola e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEM, e máis concretamente polos estudos de enxeñaría, a recuperación da competición de robots, logo do parón obrigado pola pandemia, era un compromiso para a dirección da EEI. Tras a celebración das cinco anteriores edicións e a boa acollida e resposta que obtivemos nos centros educativos, o concurso converteuse nun referente, nun clásico, que espertaba unha grande expectación. Recuperalo é un compromiso que tiñamos que atender ante as achegas de ánimo e as consultas que tivemos estes últimos anos, confirma Pardo Froján, que tamén advirte da responsabilidade que implica desenvolver unha xornada que esperte nos rapaces e rapazas un interese por unha actividade que complemente a formación dos seus centros, nun mundo no que cada vez a robótica xoga un papel máis destacado.
É certo que desenvolver un concurso desta características supón un gran traballo, un grande esforzo, pero a nosa motivación, o noso compromiso, é tentar fomentar desde as bases o interese polas actividades STEM, recoñece o director do centro, que tamén sinala que, vendo o vivido polos rapaces e rapazas nas edicións anteriores, calquera esforzo merece a pena, explica Pardo Froján.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.