Notas de prensa

A UDC presenta os resultados de dous proxectos de investigación de Intelixencia Artificial para loitar contra o impacto da Covid-19

O CITIC da UDC vén de presentar os resultados de dous proxectos de investigación con base na Intelixencia Artificial para loitar contra o impacto na saúde da COVID-19: O programa Ciencia e enxeñaría de datos para avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade (CEDCOVID); e do que estuda a predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2.

No acto de presentación estaba ademais o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

Financiados pola Axencia Galega de Innovación con 336.895 euros con cargo a fondos FEDER e co apoio da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, poñen en valor a funcionalidade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) ao servizo da mellora integral da saúde.

Matemáticas ao servizo da xestión sanitaria

As liñas de investigación do proxecto Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19 (CEDCOVID, IN845D2020/26) trataron diversos obxectivos, entre os que se destacan:

Analizouse a duración do tempo de hospitalización, así como o tempo de estancia en UCI de algo máis de 10.000 pacientes galegos de COVID-19 ao inicio da pandemia, e a influencia da idade, o sexo e algunhas outras variables clínicas en ditos tempos. Como consecuencia, construíuse un modelo que permite predicir a conxestión hospitalaria e en UCI do sistema sanitario galego para as diferentes áreas sanitarias.

Realizouse a implementación dun sistema web de visualización avanzada de datos e do seu proceso de extracción, transformación e carga. Creáronse modelos de aprendizaxe automática para predicir se os pacientes diagnosticados con COVID precisan diferentes niveles de asistencia hospitalaria (ingreso hospitalario en planta ou ingreso na unidade de coidados intensivos) durante o curso da súa enfermidade, utilizando só datos demográficos e clínicos. Estudiouse ademais a eficacia das intervencións non farmacolóxicas en nove campos de actividade para diminuír a transmisión do SARS-CoV-2 en España no período setembro de 2020 -maio de 2021.

Analizouse tamén o impacto da vacinación sobre a incidencia da COVID-19 en España. Para iso, formuláronse modelos estatísticos para explicar o número de pacientes hospitalizados en función da incidencia acumulada de COVID-19 e a porcentaxe de poboación vacinada.

Púxose en marcha unha infraestrutura de Internet das Cousas na que se reciben datos de sensores ambientais, sensores industriais e de sistemas fotovoltaicos. No transcurso do proxecto leváronse a cabo tarefas de análise descritiva e visualización dos datos correspondentes aos niveles de CO2 nas aulas durante as ABAU 2021 e 2022.

Realizáronse simulacións virtuais para contornos de especial interese (como residencias, supermercados, locais de ocio ou hostalería) co obxectivo de cuantificar a probabilidade de contaxio.

Desenvolveuse un modelo para a estimación das frecuencias das variantes de virus SARS-CoV-2 presentes en mostras de augas residuais a partir das frecuencias de mutacións de interese.

Busca de novos fármacos grazas ao coñecemento tridimensional das proteínas

O obxectivo do proxecto Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de IA foi utilizar diferentes métodos de intelixencia artificial para predicir a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos de SARS-CoV-2. A importancia do coñecemento da estrutura tridimensional dunha proteína provén do feito de que a estrutura determina a súa función e a súa interacción con outros compoñentes moleculares.

Por iso, centrouse o esforzo en compoñentes proteicos cuxa estrutura non foi determinada con métodos de laboratorio estandarizados. Nestas proteínas é necesaria a predición por computador, para predicir cal é a posición espacial de cada átomo e de cada aminoácido da proteína concreta, como é o caso de proteínas “non estruturais” que interveñen no proceso de replicación do virus.

Co proxecto do CITIC mellorouse a resolución atómica en diferentes compoñentes proteicos nos que se dispón dun modelo inicial estrutural. O obxectivo foi prover a maior resolución e fiabilidade posibles nas estruturas tridimensionais das proteínas, para o seu uso na procura computacional mediante busca de posibles medicamentos.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Universidade da Coruña, 2022-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-titeres-redondela-2026.jpg) A programación desta nova edición volverá combinar espectáculos de sala, funcións de rúa, instalacións, música e propostas participativas arredor do mundo dos monicreques, con compañías galegas como Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Babaluva, Mircromina, Trécola Producións, Troula Animación ou Bico de Toupa, xunto a formacións chegadas de diferentes puntos do Estado e de países como Francia, Italia, Portugal, Uruguai ou Arxentina. Entre as montaxes destacadas figura A Biblioteca Galáctica contra IA Fantástica, de Tanxarina Títeres, recoñecida nos Premios María Casares 2026, ademais de propostas premiadas como Gloria Bendita, de Arteria Producciones, ou Érase unha vez… dous pés!, da italiana Teatro dei Piedi.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Os bos resultados acadados nos últimos anos en biotecnoloxía sitúan a Galicia nunha posición de referencia neste sector, con moita proxección de futuro. A biotecnoloxía pasou de ser unha aposta estratéxica a converterse nun sector económico e científico con masa crítica, capacidades diferenciais e resultados medibles. Así o amosan os resultados acadados na execución da Estratexia de consolidación do sector en Galicia 21-25. Entre eles, destaca a creación de 30 novas empresas biotecnolóxicas, acadando a cifra de 162 compañías actuais; unha facturación de 2.037 millóns de euros, que cuadriplica a de 2021 e se sitúa no 2,6% do PIB; ou o aumento do emprego cualificado vencellado ao sector, acadando as 5.693 persoas traballadoras, tres veces máis desde 2021.

Notas

Xornalista, escritora, activista e un dos discursos máis destacados do feminismo galego contemporáneo. Todas estas voces emanan da figura de Begoña Caamaño a quen neste 2026 se lle dedica o Día das Letras Galegas. A USC a través da Biblioteca Universitaria e da Ãrea de Cultura súmase a esta homenaxe cunha mostra que percorre a traxectoria vital da autora e o seu compromiso co pensamento crítico, coa lingua e cos dereitos das mulleres.
A UVigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova, a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES