
Así, o financiamento aprobado polo Consello de Ministros no marco do PERTE apoia, entre outras tarefas, a recompilación dunha ampla variedade de recursos en galego de alta calidade (texto e voz) que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres e en aberto e que serán accesibles de forma gratuíta por empresas e institucións. Esta foi unha das cuestións abordadas polo reitor da USC, Antonio López, e polo delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, na xuntanza que mantiveron este mércores 16.
O obxectivo de Nós é que eses recursos e datos recompilados reforcen e impulsen o galego na contorna dixital, con especial énfase na intelixencia artificial, para dotar as máquinas dun adestramento maior con datos masivos en lingua galega e, por tanto, que se vexa incrementada a súa calidade no ámbito tecnolóxico. En total, o proxecto recibirá unha subvención de dous millóns de euros.
A infraestrutura lingüística apoiada economicamente polo Goberno permitirá dar un salto cualitativo na dixitalización da Administración pública, con servizos máis accesibles para os cidadáns. Tamén facilitará a dixitalización e a internacionalización das empresas, fará máis competitiva á industria do ámbito beneficiándose das oportunidades que ofrece actualmente a Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías da Linguaxe e xerará novos postos de traballos cualificados.
O proxecto
Dentro do proxecto Nós vanse compilar recursos e desenvolver ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos. Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O proxecto é froito do traballo conxunto que está a desenvolver o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e que tamén conta con financiamento da Xunta de Galicia.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.