
Creador musical en contacto coas vangardas de Galicia, Bos Aires e París; director de coros nestas dúas cidades, dinamizador do asociacionismo musical a ambas as marxes do Atlántico ou figura do galeguismo bonaerense conforman algunhas das facianas ás que se pode acceder na exposición comisariada por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu o acto inaugural no que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o concelleiro de Educación, Deporte, Urbanismo, Casco Histórico e Patrimonio do Concello de Betanzos, Andrés Teijo, alén dos comisarios desta exposición que se organiza en cinco bloques temáticos e que permanecerá aberta ao público ata o 25 de novembro, con entrada libre e de balde.
Gravacións
A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións que intercalan algunhas das súas obras máis representativas con intervencións do propio García-Picos a través dunha entrevista realizada polo barítono, escritor e crítico musical Antón de Santiago na Radio Galega no ano 1988. O mecanismo para realizar esta visita sonora é mediante un dos códigos QR que aparecen no espazo. Os outros dous códigos QR están destinados ao programa da exposición e á publicación da biografía do compositor, para ampliar toda a información exposta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.