
A actividade, aberta ás persoas interesadas, estivo dirixida polo propio Pablo Raúl Bonorino e por José María Pérez Collados (catedrático de Historia do Dereito da Universidad de Girona) e foi artellada para contribuír a crear unha asociación a nivel nacional que xunte a todas as persoas interesadas neste tema da literatura e o dereito. Pretendemos reforzar a relevancia deste tipo de enfoque que algúns xuristas poden ver con reticencia, comentou Pablo Raúl Bonorino. A literatura ou por exemplo o cine, explicou o catedrático da UVigo, poden ser tamén formas de estudar, de discutir e de pensar moi útiles para a práctica e a docencia do dereito.
De Shakespeare a Wagner
Con este obxectivo, o encontro reuniu a persoas cunha ampla traxectoria académica e institucional que, indicou Bonorino, recoñecen a importancia que ten, incluso nas súas vidas, o feito de pensar o dereito a través da literatura. Tal e como se puido ver nos relatorios escoitados, sinalou o docente, son múltiples as posibles conexións entre dereito e literatura. Para algunhas persoas, lembrou o director académico da actividade, a literatura pode ser provedora de exemplos "ricos e interesantes" para aplicar o dereito e ensinar como se aplica. Ademais, engadiu, pode ser fonte para coñecer a práctica xurídica dun pasado do que só se conservan documentos escritos. Por último tamén apuntou que para outras persoas a teoría literaria pode enriquecer a teoría do dereito, no senso de que as tarefas de interpretación do dereito poden entenderse mellor se se comparan coas tarefas que se levan a cabo cando se interpretan obras literarias.
No encontro, Pablo Raúl Bonorno falou de Shakespeare e o dereito; Encarna Roca (Universitat de Barcelona, ex-vicepresidenta doTribunal Constitucional), de O dereito na tetraloxía de Wagner: o traballo, a familia e os pactos; Alfonso García (catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Castilla-La Mancha), de vetos e licencias á ficción no discurso normativo; José Antonio Cordón (Universidad de Salamanca) de Ler como un profesor: da proximidade á lectura distante; Francisco Pérez de los Cobos da interacción entre dereito e literatura e José María Pérez Collados do xénero da novela (definición) e as súas posibles funcións xurídicas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.