Notas de prensa

A vixésimo cuarta edición do ForoAcui afondará no futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia

O Foro dos Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) celebrará os días 6 e 7 deste mes de outubro, no Auditorio Municipal de O Grove, a súa vixésimo cuarta edición asentado como espazo de referencia para comunicar e debater a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.

Fieis á súa filosofía orixinal e co fin de achegar o mellor rendemento ás distintas conferencias e relatorios previstos, o programa deseñado reunirá persoal investigador e representantes dos sectores económicos e da administración na procura dun diálogo apegado á realidade e circunstancias da xestión dos recursos do mar e a acuicultura. O acto inaugural desenvolverase no Auditorio Municipal de O Grove, ás 10.00 horas, deste xoves 6 de outubro.

As intervencións e debates previstas, que poderán ser seguidas de xeito presencial e en liña polas persoas inscritas, están articuladas arredor de seis mesas de traballo nas que se atenderán outros tantos bloques temáticos. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) será o tema protagonista da primeira das mesas, á que precederá a conferencia inaugural que pronunciará o director do propio CIMA, Carlos Gabín Sánchez, co título ‘A viaxe dende o parque experimental de ostricultura (1965) ata o Centro de Investigacións Mariñas’. A continuación o debate xirará cara ao marisqueo e a pesca de baixura, da man de persoal investigador que porá o acento en cuestións relacionadas cos efectos das vagas de calor e o descenso da salinidade no marisqueo a pé ou novas aproximacións e ferramentas para o marisqueo e a acuicultura sustentables.

Nas mesas dedicadas á Acuicultura e a Empresas e Recursos daranse cita representantes do mundo da investigación e do sector empresarial como Stolt Sea Farm, Skretting, Ovapiscis e Air Liquide, para analizar novas tendencias na mellora da produción acuícola, as tecnoloxías para o emprego de gases na acuicultura industrial, o uso de pensos sostibles, o subministro de ovas embrionadas producidas en Galicia para o sector da troita en España, ou mesmo exemplos internacionais como o de Chile onde se amosará como é posible xerar iniciativas emprendedoras partindo da pesca artesanal.

A primeira sesión do encontro, o día 6 de outubro, rematará coa celebración do XXXIV Ciclo Cultivando o mar, ás 20.00 horas, na carpa institucional da Festa do Marisco do Grove. Este evento, aberto a todo o público, explora os vínculos entre a temática mariñeira e as redes sociais coas intervencións de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e divulgador en Twitter e Instagram; Patricia Bea Dopazo, xornalista e divulgadora en TikTok; e Rocío Garrido Caramés, cociñeira, empresaria e blogueira.

A xornada do venres 7 estará dedicada na súa totalidade ás ‘Ameazas e retos da acuicultura’ a través de dúas mesas de traballo nas que se abordarán cuestións da máxima actualidade, como o benestar dos peixes, a sustentabilidade da acuicultura, así como a súa importancia nas dietas saudables, ou na produción de proteína mariña, entre outros aspectos.

Como evento de difusión científica, de longa e consolidada traxectoria, resulta de especial importancia a presentación de comunicacións en formato póster que estarán expostas ao longo das dúas xornadas, para que as persoas asistentes poidan consultalas e mesmo debater os seus contidos coas persoas autoras presentes no certame. Tamén se poderán recibir comunicacións en formato audiovisual que serán expostas en pantallas na zona de exhibición de pósteres e comunicacións. A entrega de premios ás mellores comunicacións audiovisuais e pósteres será o acto final antes da clausura do XXIV ForoAcui.

O ForoAcui é un evento organizado pola Asociación Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, que ten como vocación analizar e promover os recursos mariños e a acuicultura a nivel mundial. Dende 1997, é un referente internacional na análise do estado da industria acuícola e pesqueira a través de diferentes perspectivas como a explotación, a sustentabilidade, o benestar animal, a seguridade alimentaria e a proxección no futuro.

Como todos os anos, terá lugar, antes do inicio da presente edición, a presentación oficial do Libro de Actas da edición anterior, que como ven sendo habitual inclúe todos os relatorios, as comunicacións científicas ‘in extenso’ e os pósteres presentados nesa edición.

Ademais da USC, o foro conta co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, así como co patrocinio de JJChicolino e a colaboración doutras empresas do sector da acuicultura en Galicia.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES