Notas de prensa

A Feira de Emprendedoras fomenta a creación de empresas lideradas por mulleres no eido cultural

'A igualdade formal pode parecer conseguida pero a real é unha tarefa que está por conseguir'. Así se pronunciou o reitor da USC no acto inaugural da Feira de Emprendedoras que reúne no Teatro Principal a 'entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido', coas futuras xeracións de emprendedoras.

Trátase dun espazo de diálogo directo no que compartir experiencias, inquedanzas e aprender, tal e como explica Eva López Barrio, directora de Woman Emprende. O evento céntrase este ano no sector artístico e cultural e, na súa inauguración, tamén participou o alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo.

“A igualdade efectiva é un traballo de convencemento de todas as persoas”, continuou o reitor. “Trátase dun traballo diario de concienciación”, dixo, que tamén abarca o emprendemento. Neste senso, Antonio López puxo en valor a longa traxectoria neste eido tanto da USC como da cidade de Compostela no seu conxunto. “A cultura é un ámbito no que temos que poñer experiencias en común para alentar a que as mulleres queiran ser empresarias”, afirmou en referencia ao feito de que a edición deste ano xire arredor do sector artístico e cultural.

Debate

Xunto á parte expositiva, a Feira consta de diversas mesas de debate que abordan distintos aspectos do emprendemento feminino no eido artístico e cultural. ‘A transmisión da cultura. Loita e perseveranza’ é obxecto de análise por parte de Antía Otero de Apiario Editora, Chus Costoya da Libraría Pedreira, Iria Silvosa de Numax, e Pilar Rodríguez e Mercedes Vázquez de dehistoria S.L.L. A continuación, dende o eido da propiedade intelectual, intervén Lydia Fernández; xunto coa profesional da tatuaxe, Jana Lorenzo; a escultura e pintora, Roni Herrán; e a pintora María Feijoo. Todas elas integran a mesa titulada ‘Abrirse camiño nas artes plásticas. Como protexer a propiedade intelectual’.

En materia de ‘Perspectiva de xénero sobre o escenario. Como crear marca’, disertan a bailarina de circo artístico, Raquel Oitavén; Sara Rodríguez, en representación de ‘Magia en la Manga’; a actriz do Grupo Chévere, Patricia de Lorenzo; e o responsable da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Finalmente, a mesa ‘Emprendemento no sector musical’ conta coa participación da gaiteira Susana Seivane; a baixista do grupo Zënzar e ilustradora, Laura Romero; Xiana Lastra e Andrea Porto de ‘A Banda da Loba’; e María José Cerviño, da Escola de Música Berenguela.

Formación

Como paso previo á Feira, ao longo desta semana, desenvolveuse un Campus de Emprendemento gratuíto para as universitarias da USC “con inquedanzas por descubrirse, a través das técnicas teatrais, a si mesmas, as súas habilidades, os seus soños, e medrar como persoas e futuras profesionais”, explicaron dende a organización. A formación correu a cargo de Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES