Notas de prensa

Arranca a celebración da Mobile Week Ourense 2022

Este xoves arrancou a celebración da Mobile Week Ourense 2022, cita impulsada por la Deputación de Ourense e Mobile World Capital Barcelona e apoiada entre outras institucións pola Universidade de Vigo. Ata o 18 de setembro, desenvolverase unha intensa programación enfocada a xerar interese pola tecnoloxía e evitar o risco de exclusión dixital que terá entre os seus escenarios a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

Na súa inauguración, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, como parte do comité que lanzou esta Mobile Week Ourense 2022, destacou que a UVigo ten a vocación e a obriga de “estar implicada en todo aquelo que supoña un avance para a provincia, un avance para a cidadanía”. O responsable académico lembrou que este curso académico botou a andar no campus de Ourense o grao e o mestrado en Intelixencia Artificial e apuntou a súa convicción de que “en breve teremos unha oferta máis completa no tecnolóxico”. Apuntando como a provincia de Ourense ten por diante “retos moi importantes” como o despoboamento e a dixitalización do rural e recalcando que “temos un potencial importantísimo”, Reigosa expresou “a disposición plena da Universidade de Vigo a través do seu campus de Ourense” para afrontar estes retos. Sobre a candidatura da cidade para albergar a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, o reitor dixo que “desde logo temos todas as capacidades. Loitaremos para ser unha candidatura que sexa ben recollida e se é a seleccionada por Galicia agardo que contemos co apoio de toda Galicia”. Traballando arreo, traballando xuntos, recalcou, “somos máis fortes”.

Pola súa banda, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, subliñou que a Mobile Week Ourense chega á súa segunda edición sendo a única provincia de España na que se celebra e pondo en valor que se trata dun evento “innovador” no que se “marca tendencia”. Destacando a “axenda intensísima” desta edición, o responsable provincial apuntou que “o obxectivo é achegar a tecnoloxía á veciñanza da man de expertos”. Tamén se referiu na súa intervención á candidatura de Ourense para ser sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, recalcando que “son moitos os motivos” que converten a Ourense “no sitio ideal” para ela, entre eles "factores diferenciais competitivos" como a conexión de alta velocidade. Por este motivo indicou que o órgano provincial loitará por acolle esta axencia xunto ao Concello de Ourense e a Universidade de Vigo. “Cooperando somos máis, cooperando somos mellores”, afirmou Baltar. Na mesma liña e subliñando que Ourense é “unha potencia tecnolóxica”, Fernando Suárez, director da Ãrea de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense e tamén presidente do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática de España, amosou seu desexo de que a aposta da provincia pola intelixencia artificial, coa chegada este curso académico do grao e o mestrado neste eido, “se consolide coa consecución para esta provincia e para esta cidade da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial”. Por último, sobre a Mobile Week Ourense 2022, Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia, subliñou que son máis de 40 as actividades que se celebrarán en diferentes lugares da provincia e para públicos de diferentes idades no obxectivo de “rachar a fenda e o medo ás novas tecnoloxías”.

Programación no campus

A programación da Mobile Week Ourense 2022 celebrarase en diferentes puntos da provincia de Ourense entre os días 15 e 18 de setembro. No campus de Ourense, na súa Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), arranca este venres 16 coa celebración, ás 11.00 horas no salón de actos do edificio Politécnico da conferencia Intelixencia artificial, a administración pública e o seu efecto sobre os cidadáns. Será ofrecida por Albert Mayol, head of Data Driven Transformation para Europa de NTT DATA. O acto é aberto ás persoas interesadas e está dirixido a un público non profesional. O domingo 18 a ESEI acollerá o Family Day, no que haberá actividades pensadas para público infantil e as súas familias. 45 nenas e nenos de 7 a 12 anos, divididos en pequenos grupos, participarán na Hora do Código, onde terán a oportunidade de achegarse dun xeito lúdico e didáctico ao mundo do deseño e impresión 3D, á programación en Minecraft Education Edition e a retos robóticos. Tamén participarán nun Taller DigiCraft da Fundación Vodafone e coñecerán os hologramas coa tableta. DigiCraft é un programa didáctico que ensina competencias dixitais a nenas e nenos a través do xogo e a experimentación. Concretamente, neste taller as e os participantes construirán o seu propio visor de hologramas con forma de pirámide e utilizarano para visualizar vídeos en 3D desde unha tableta ou teléfono intelixente.

O Family Day tamén incluirá unha sesión de contacontos titulada Ciberseguridade con Sofía. “Con este conto ilustrado, nenas e nenos poderán acompañar a Sofía na resolución das súas inquedanzas para gozar da informática e da rede dun xeito seguro e identificar os perigos e riscos que poden darse nesta contorna dixital”, sinalan desde a organización. A través desta historia, engaden, “compártense cos máis pequenos e pequenas consellos e recomendacións básicas para un uso responsable da identidade en Internet, a publicación de imaxes en redes sociais, a xestión de contrasinais ou a identificación de noticias falsas; ao tempo que se difunden valores esenciais de comportamento no ciberespazo: sentido común, respecto e empatía”. Paralelamente, haberá actividades para pais e nais e educadoras e educadores. Elas e eles poderán asistir á presentación do estudo Impacto da tecnoloxía na adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, a cargo de Belén Andrade, especialista en dereitos dixitais da infancia e campañas de sensibilización. Tamén haberá unha intervención sobre o uso educativo dos videoxogos, a cargo de Luz Castro, presidenta da asociación galega de videoxogos e contidos interactivos (videoxogo.gal) e vicepresidenta da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. Outra das conferencias, titulada Como evitar que o meu fillo me arruíne na tenda de videoxogos?, centrarase na adicción e os videoxogos e será ofrecida por José Luis Montiel, licenciado en Medicina e responsable médico do CAPD Sarria. Por último, Marta Montagut, doutora en Comunicación, impartirá a formación Educar aos nos@s fill@s contra as fake news.

Universidade de Vigo, 2022-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES