Notas de prensa

O Observatorio Ramón María Aller achega ás vilas galegas a beleza astronómica e artística dunha ruta marcada polas estrelas

O programa 'A Vía Láctea e outros motivos xacobeos do Camiño' percorrerá Galicia para dar a coñecer a riqueza patrimonial do Camiño de Santiago canda os fenómenos e obxectos astronómicos que podemos avistar ao percorrelo. A coñecida relación entre a ruta peregrina e a Vía Láctea serve de estímulo a una proposta divulgativa a cabalo entre a astronomía e a arte que se espallará por toda a comunidade.

Trátase dunha iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC que forma parte das actividades culturais desenvolvidas ao abeiro da convocatoria ‘O teu Xacobeo’ promovida por Turismo de Galicia no Xacobeo 21-22. Coordinado polo director do Observatorio, José Ángel Docobo, o programa combina sesións de astronomía, da súa man e da de integrantes do persoal investigador e colaborador do OARMA, como Pedro Pablo Campo, Xabier P. Couto, María Brea e Jorge G. Crespo, con conferencias en relación coa arte xacobea do Camiño, que serán impartidas por Cecilia Doporto, experta neste ámbito.

Nos meses de agosto e setembro unha morea de lugares de Galicia acollerán sesións astronómicas públicas que se realizarán a simple vista ou con telescopios portátiles que desprazará a USC para a ocasión. O Barco de Valdeorras, Lalín, Allariz, Sobrado, Santa Comba, Cartelle, Ribadeo, Sanxenxo, O Grove, Sarria, Noia, Rianxo, Teo, Boqueixón ( no Pico Sacro), Padrón, Bóveda e Santiago de Compostela son algunhas das localidades onde se celebrarán. Nelas, as persoas participantes aprenderán a identificar diferentes obxectos observables como as constelacións, coa contemplación do chamado triángulo de verán que conforman as estrelas brillantes Vega (na constelación da Lira), Altair (na Aguia), e Deneb (no Cisne), así como a propia Vía Láctea, visible cando os ceos están ben escuros, ou os planetas Xúpiter e Saturno, que poderemos observar á primeira hora da noite a partir da segunda quincena de agosto. Os telescopios desprazados pola USC permitirán ademais divisar estrelas dobres, nebulosas e cúmulos estelares e, sobre todo, os detalles da Lúa en canto esta entre na súa fase crecente.

As conferencias sobre os motivos xacobeos do Camiño, sobre a súa mitoloxía e historia celebraranse en concellos como Dozón, Rodeiro, Lalín , Silleda, San Cristovo de Cea, Chantada, Melide ou Palas.

Todas as sesións son de balde e na páxina web do programa pódense consultar as datas previstas en cada concello así como as vías para reservar as prazas dispoñibles.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-08-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.

Notas

A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 botou a andar este mércores 18 na USC. O foro que se estende ata o venres 20 reúne persoal investigador e empresas cuxas áreas de desenvolvemento, innovación e investigación atópanse vinculadas ao ámbito dos láseres ultrarrápidos e ás súas aplicacións na Física, a Química, a Medicina ou a Ciencia dos Materiais.
Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES