Notas de prensa

A elite mundial en Intelixencia Artificial reunirase en Santiago de Compostela en 2024

A Universidade de Santiago de Compostela volverá acoller en 2024 o congreso ECAI (European Conference on Artificial Intelligence). O encontro científico máis importante de Europa no ámbito da Intelixencia Artificial regresará a Santiago de Compostela por segunda vez en catro anos da man do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC).

A Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) anunciou esta decisión trala reunión da súa Asemblea Xeral en Viena, sede da edición do congreso este mesmo ano.

Desde o Comité Organizador de ECAI 2024, que volverán presidir os investigadores do CiTIUS Senén Barro ,director científico do centro, e Alberto Bugarín. director do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC e coordinador do grao en Intelixencia Artificial que comeza a impartirse en Galicia o vindeiro mes de setembro, a satisfacción é máxima: "resulta realmente excepcional que ECAI regrese a Santiago de Compostela tan só catro anos despois da organización na cidade da edición de 2020, que finalmente houbo de celebrarse en formato completamente dixital debido á pandemia”, afirman os investigadores, que lembran como "en tan só uns meses reinventamos un congreso previsto como presencial, para convertelo nun encontro totalmente virtual… foi un fito; algo así como cambiar o motor do avión en pleno voo".

Unha afirmación avalada polas cifras do congreso, que contou con máis de 5.000 participantes de 120 países distintos, e no que se presentaron case 400 traballos de investigación.

Ambos investigadores coinciden en sinalar que "o éxito daquela edición, e o protagonismo da Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da Intelixencia Artificial foron determinantes, sen dúbida, para volver organizar este evento na cidade, que coincidirá, ademais. coa efeméride do seu medio centenario". O primeiro ECAI tivo lugar en 1974, polo que a edición de 2024 en Santiago de Compostela suporá a celebración do medio século de vida deste evento, situado entre os tres máis importantes do mundo no campo da Intelixencia Artificial.

Pasado, presente e futuro da IA

A conferencia ECAI é o evento máis importante de Europa sobre I+D+i en Intelixencia Artificial, e ata a data, reuniu cada dous anos a elite científica internacional neste ámbito; non obstante, e dado o interese e o avance constante do eido, o congreso abandonará proximamente o seu carácter bienal e pasará a organizarse cunha periodicidade anual.

Ao longo das últimas edicións do congreso participaron miles de investigadoras e investigadores, profesionais do mundo da empresa e das administracións públicas, e do ámbito do emprendemento e a inversión do cinco continentes. ECAI é un punto de encontro obrigado para profesionais do sector, no que se mostra o estado da arte na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en Intelixencia Artificial; a el acoden tanto as empresas líderes a nivel mundial como empresas de recente creación, con modelos de negocio, produtos e servizos altamente innovadores.

ECAI 2024 contará cun contido científico-tecnolóxico excepcional, organizado en conferencias plenarias, sesións científicas, obradoiros e seminarios, onde a elite científica internacional presentará os seus resultados de investigación máis importantes e recentes, á vez que analizará asuntos de interese social, económico, lexislativo, político e ético sobre a IA, e os seus desafíos actuais e futuros.

O encontro incluirá tamén mesas de debate, un programa específico para apoiar e dar visibilidade ao persoal investigador neste campo, e a presentación de novas empresas baseadas en IA. Contará tamén cun espazo de exhibición empresarial e institucional onde se mostrarán os últimos desenvolvementos e aplicacións de IA a nivel mundial. Unha oferta de contidos científicos de primeira orde a nivel internacional, que converterá Santiago de Compostela na capital mundial da Intelixencia Artificial en outubro de 2024.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-08-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES