
O programa da XIX edición, presentado oficialmente esta mañá en Raxoi da man da concelleira de Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, inclúe a estrea do proxecto Satélite Salitre. Feito en colaboración entre o cantautor compostelán Pilo Sierra, o cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet e o baterista Lar Legido, Satélite Salitre nace como recordo e celebración artística do legado do músico Fran Pérez "Narf", sempre presente neste festival.
Entre as novidades con respecto a edicións pasadas, ademais do acceso libre aos espectáculos, está o peche do día 27 de agosto. O colofón deste XIX Feito A Man será na praza de Mazarelos a partir das 21.00 h coas actuacións de Brais Morán & Nasaufunk e a súa fusión de funk, disco e rock, e "os apóstolos do groove" Brinkadelia Troupe. A apertura, o día 10 de agosto, correrá a cargo do dúo O Intre, formado polo músico brasileiro Maurício Caruso á guitarra e cavaquinho e o bielorruso Vadim Yukhnevich á voz e ao acordeón.
Tamén procedente do Brasil, actuará no Feito A Man a multi instrumentista, compositora, produtora e activista LGTB e antirracismo Bia Ferreira coas súas potentes letras. Desde os Estados Unidos a música sefardí, balcánica e blues de Michelle Alany and Zirzuvi, o jazz manouche e o swing de David Regueiro Trío xunto ao francés Alexandre Cavaliere, e os cubanos Alejandro Vargas Trío e Mayquel González daranlle dimensión internacional a esta XIX edición.
En total serán 15 os días con actuacións (excluídos os domingos e o 15 de agosto) que se repartirán por distintas localizacións da zona monumental como a Vía Sacra, rúa Xelmírez, Tras Salomé, San Paio de Antealtares, o xardín do Momo, Quintana de Vivos, Santo Agostiño, Fonte de San Miguel, Praza Feixóo ou Tras San Fiz de Solovio.
A maioría de artistas e bandas son galegas, boa parte da propia cidade, seguindo a filosofía do Feito A Man de dar a coñecer a gran riqueza musical e as dinámicas e sinerxías que se dan entre artistas locais. É o caso de Nacho · Faia · Lar que se unen neste proxecto para experimentar coa tradición e a vangarda ou da banda compostelá de R&B Degüello. Tamén de Ale, o proxecto en solitario do compositor de Los Árboles, do trío Fuzzo que reúne a Virxilio da Silva, Xan Campos e Chus Pazos, tres grandes do jazz galego que presentan disco, ou Mallou, o dúo de música de raíz formado por Sabela Rey e Bexamín Vázquez, tamén con "Narf" como referente.
Radio Zapa!, Stormy Trucks ou Apart na categoría de rock, o jazz de Pablo Seoane Trío, Comando Radar e Viruxe Electric Trío, o rap de Andrés GS, o neosoul de Udra, o groove e electro-acústica de Narci Rodríguez dA Trío ou a fusión de cumbia, funk e música africana de Pedro Pastor y los locos descalzos son outras das 31 propostas diversas en estilos e sons que poderán escoitarse neste Feito A Man 22.
Na presentación desta XIX edición, Mercedes Rosón afirmou que o Feito A Man "condensa diversas manifestacións artísticas e estilos musicais, nunha proposta na que artista, espectador e contorna histórica comparten equilibradamente o protagonismo. Unha aposta pola diversidade e a creación e unha plataforma para novos talentos musicais". Unha cita, en resumo, "que converte Compostela nun grande escenario musical". Rosón agradeceu a resistencia da AC Cidade Vella mantendo o festival pese á pandemia e desculpou a ausencia no acto da Deputación da Coruña, que este ano incrementou a partida destinada ao Feito A Man.
O presidente da AC Cidade Vella, Suso Pais, agradeceu estes apoios e aproveitou o acto para reivindicar un ano máis a volta das músicas ao vivo nos locais de Compostela, unha demanda histórica que choca coa negativa da Xunta, tal e como explicou Rosón. Pola suá banda, a directora do festival, Ánxela Porto, defendeu "o labor e compromiso continuado deste festival cun modelo de cidade que conecta coa filosofía slow town; un modelo que salta ás rúas como lugar de encontro amable entre veciñanza, artistas e visitantes, no que deleitarse e gozar da maxia do verán e da música 'no calor das rúas', sen présas e sen agobios».
O sector hoteleiro galego continúa a mostrar unha evolución positiva en 2026. Os datos correspondentes ao mes de outubro feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman un incremento do 7,7% en viaxeiros e do 6,1% en noites. Os ingresos do sector hoteleiro cifráronse o pasado mes en 47,6M de euros, o que se traduce nun crecemento do 16,3%. En concreto, durante outubro aloxáronse nos hoteis galegos 537.950 viaxeiros, mentres que o número de noites alcanzou as 927.766 noites. A estadía media situouse en 1,72 noites, un 1,5% menos que en outubro de 2025.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello 'aprobou hoxe a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte 2028, e dotada de máis de 160 millóns de euros'. Este orzamento supera nun 54 % o da Estratexia 2021-2025. O obxectivo, tal e como resaltou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, 'é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados'. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo explicou o presidente, 'en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades como é China e os países de Mercosur'.