
Este novo volume, conservado na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, recolle o estudo e a edición realizada polo doutor en Humanidades e profesor na Universidade Federal do Amazonas (Brasil), Saturnino Valladares.
A obra, na que Valladares compila e analiza a relación epistolar cruzada entre Valente e Martino, crítico literario residente durante moitos anos en Venezuela e autor de varios libros de ensaio sobre poesía española contemporánea, inclúe unha ilustración do artista ourensán José Manuel Bouzas, tamén amigo e estudoso de Valente.
Alén da importancia que supón reunir nun volume as arredor de medio centenar de cartas que intercambiaron Valente e Martino, un dos aspectos máis interesantes da obra Lo que en la tuya me dices radica no feito de que a citada relación epistolar permite coñecer algún dos elementos chave da poesía de Valente, a través das respostas dadas polo propio autor ourensán ás interpelacións escritas por Martino, segundo comenta o director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, Claudio Rodríguez Fer.
O profesor Rodríguez Fer xustificou a decisión de encomendar este labor de edición a Saturnino Valladares pola súa condición de especialista na poética de Valente e sobre a súa relación epistolar do ourensán con outros autores coetáneos, tales como Antonio Gamoneda ou Gil de Biedma.
Outro dos valores desta nova obra sobre a figura e o legado de José Ángel Valente radica no feito de que Florentino Martino, de 93 anos, mantén plena actividade intelectual, o que permitiu completar a relación de misivas intercambiadas con Valente por parte deste crítico literario retornado a Ribadesella, dado que como é normal, algunhas cartas non chegaron e outras tamén puideran perderse, explicou Rodríguez Fer, ao tempo que tamén subliñou a participación activa de Martino na edición deste epistolario.
O director da Cátedra José Ángel Valente da USC, Claudio Rodríguez Fer; o autor de Lo que en la tuya me dices, Saturnino Valladares, e o correspondente Floretino Martino, presentan este venres 15 de xullo, a partir das 18.00 horas, na Casa da Cultura de Ribadesella, esta nova obra xerminada na Cátedra Valente da USC.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.